A conselleira do Mar recibiu ao comité organizador

A Xunta apoia a celebración en Galicia do XX Congreso Nacional de Acuicultura para abordar os actuais desafíos do sector

A cita, impulsada nos seus inicios polo Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), volve o vindeiro ano a terras galegas, e celebrarase do 1 ao 4 de xuño en Vigo 

Marta Villaverde destaca o liderado galego neste ámbito e o papel da acuicultura “como motor de emprego e provedor de alimentos de alta calidade aos consumidores”

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse hoxe con representantes do comité organizador do XX Congreso Nacional de Acuicultura, que terá lugar do 1 ao 4 de xuño na cidade de Vigo. A responsable autonómica resaltou que este evento, impulsado nos seus inicios polo Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), regresa a terras galegas co apoio da Xunta, co obxectivo de abordar, “aplicando distintos enfoques científicos“, os actuais desafíos aos que se enfronta o sector na actualidade.

Villaverde explicou que este congreso permitirá coñecer os últimos avances e novidades mediante a participación de empresas, que aportarán a súa experiencia e inquedanzas no contexto actual, das administracións e outras entidades vencellas a este subsector da cadea mar-industria. Ademais, e como novidade, tamén contará cunha destacada presenza da sociedade civil, “para coñecer a percepción dos consumidores sobre as actividades acuícolas e os seus produtos”.

A titular de Mar puxo en valor o liderado galego no ámbito da acuicultura, referente europeo na produción de mexillón e de peixes planos, así como o seu papel “como motor económico e xerador de emprego”. Así, esta actividade rexistrou unha facturación que supera os 256 millóns de euros no 2024 grazas a un tecido empresaria de máis de 2.500 empresas que xeran 4.460 postos de traballo na comunidade.

A conselleira do Mar tamén subliñou o seu papel como “provedor de alimentos de alta calidade” cun gran potencial de crecemento ante a elevada demanda destes produtos a nivel global. O informe sobre o Estado Mundial da Pesca e a Acuicultura (SOFIA) da FAO do 2024 sinalou que, por primeira vez, a acuicultura superou en produción á pesca extractiva en todo o mundo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/11/2025