A Xunta investirá preto de 60 M€ en 2026 na construción e reforma das infraestruturas sanitarias de atención primaria

Rueda salienta que está previsto “o inicio das obras dos novos centros de Muíños e Boborás” así como continuar as das novas instalacións de Vilagarcía de Arousa, A Rúa ou A Milagrosa, en Lugo

Anuncia que o CIS Olimpia Valencia de Vigo atenderá os seus primeiros pacientes “no primeiro trimestre do vindeiro ano”, tras unha actuación que superará os 15 M€

Nos vindeiros meses entrarán tamén en servizo os centros de saúde de Conxo (Santiago), Moaña e Abegondo, cuxas obras se atopan próximas ao remate

Na actualidade, o Executivo galego está a executar actuacións en 10 centros de saúde

Resalta que desde o ano 2009, “a Xunta dedicou máis de 162 M€ a construción ou reforma de 138 centros de saúde de toda a comunidade”

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello deu hoxe o visto e prace a “destinar case 60 millóns de euros durante 2026 á construción e reforma de centros de Atención Primaria en toda a comunidade”.

En concreto, tal e como explicou o presidente, está reservada unha partida de 59,8 millóns de euros para “iniciar as obras dos novos centros de Muíños e Boborás”, “continuar as actuacións nos centros de Vilagarcía de Arousa, A Milagrosa (Lugo) e A Rúa” así coma avanzar nos trámites para licitar traballos en Meis, Teo ou Ponteareas.

Ademais, o Consello avaliou un balance das obras que se están levando a cabo neste momento. O departamento sanitario está a traballar nun total de 36 actuacións coas que se mellorará a calidade asistencial da poboación galega. Neste senso, 10 destes proxectos xa iniciaron a execución das súas obras, mentres que os restantes 26 se atopan en diferentes fases administrativas previas aos traballos construtivos (cesión de terreos, redacción de proxecto, fases de licitación/adxudicación etc...).

Entre estas actuacións, Rueda salientou o CIS Olimpia Valencia de Vigo que, tras finalizar a súa obra e ser recepcionada, “está previsto que atenda os seus primeiros pacientes durante o primeiro trimestre do ano 2026”, logo de concluír as probas e incorporar o seu equipamento. O Goberno galego investiu máis de 15 millóns de euros para dotar a cidade olívica dun novo centro en que se integrarán e ampliarán os servizos sanitarios dispoñibles.

Así mesmo, as obras dos centros de saúde de Conxo (Santiago de Compostela), Moaña e Abegondo atópanse próximas ao seu remate. Neste sentido, Rueda indicou que está previsto “a súa posta en marcha no primeiro trimestre de 2026” (no casos dos centros compostelá e moañés), e na segunda metade do vindeiro ano, no caso do centro de saúde do concello coruñés.

Pola súa banda, a construción das novas infraestruturas de atención primaria para os concellos da Rúa e de Vilagarcía de Arousa continúan a bo ritmo e o inicio das obras dos centros de saúde de Muíños e Boborás é inminente.

Entre os proxectos máis salientables da rede sanitaria pública galega tamén destaca a reforma integral que se está a acometer no centro de saúde da Milagrosa en Lugo, ou o do novo centro de saúde de Santa Lucía na Coruña.

Seguindo unha orde cronolóxica e, de acordo ao seu grao de desenvolvemento, os novos centros de atención primaria para os concellos de Barro, Noia e Meis está neste momentos en fase de redacción de proxectos e o centro de saúde de Becerreá xa acadou a fase de licitación.

Con cargo aos orzamentos do ano que vén, ademais de continuar coas actuacións postas en marcha, está previsto licitar os proxectos de numerosos centros de saúde, entre os que destacan os de Mos, Teo, Soutomaior e Ponteareas. O obxectivo é avanzar no mesmo sentido no caso dos centros de saúde de Carballo, Ribadeo ou O Carballiño.

Investimento de 62,3 millóns de euros en 10 centros de saúde

O compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas da atención primaria fica reflectido no investimento de 62,3 millóns de euros que neste momentos ten mobilizados para reformar ou construír 10 novos centros de saúde na comunidade en galega.

Dun xeito desagregado, o Executivo destina unha partida de 2,7 millóns de euros para construción do novo centro de saúde de Abegondo; outros 5,6 M€ para o centro de Saúde de Santa Lucía (A Coruña); 4,6 M€ á reforma integral do centro de saúde de Conxo (Santiago de Compostela); 2,8M € para o CS da Rúa; un investimento de 17,8 para o novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa e unha partida de 14,2 millóns de euros no Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo. Tendo en conta o mobiliario e o equipamento, o investimento neste centro de saúde superará os 15 millóns.

Do mesmo xeito, o centro de saúde de Moaña suporá un investimento de 8,3 M€; a reforma do centro de saúde da Milagrosa (Lugo) conta cun orzamento de máis de 3 millón de euros; e os centros de saúde de Boborás e de Muíños contarán cun investimento de 1,8 M e 1,2M de euros, respectivamente.

Rueda salientou que, desde o ano 2009, “a Xunta destinou máis de 162 millóns de euros á construción e reforma de 138 centros de saúde”. En concreto, o Executivo autonómico construíu 52 novos centros de saúde en toda a comunidade, por un importe que superou os 140 millóns de euros. Así mesmo, tamén realizou reformas noutros 27 centros sanitarios da atención primaria galega, cunhas intervencións que acadaron os 19,2 M€. Ademais, o Executivo galego financiou a reforma de 59 centros de titularidade municipal por un importe de 2,1 M€.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2025