A Xunta procede á apertura da canle artificial de desaugamento da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao areal para supervisar os traballos que executa a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en cumprimento do Plan de conservación
Lembra que o Executivo galego agarda ter antes de que remate o ano o estudo técnico para avaliar a retirada da barreira artificial do complexo litoral co fin de evitar as inundacións que cada ano provoca a acumulación de area que se deposita na lagoa polo bloqueo que supón esa coieira para o paso da auga
Valdoviño (A Coruña), 25 de novembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos de apertura da canle artificial de desaugamento da lagoa da Frouxeira. Esta medida adóptase unha vez que a lámina de auga acadou a cota recollida no Plan de conservación da lagoa e areal de Valdoviño, o que xustifica a correspondente intervención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Aneiros recordou que a lagoa da Frouxeira foi sometida no século anterior a diferentes cambios, xerados na maioría dos casos por presións antrópicas, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral-lagoa.
Actualmente, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a lagoa e o mar permanece pechada e, cando se produce unha suba do nivel de auga, rexístranse inundacións na zona viaria, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral e o baleirado da lagoa, que é o que se pretende evitar con esta apertura controlada.
Esta actuación lévase a cabo seguindo o protocolo establecido no decreto 30/2015 polo que se aproba o Plan de conservación da Lagoa e Areal de Valdoviño, que converteu este enclave no primeiro humidal protexido de Galicia, de importancia internacional Ramsar.
De cara a facilitar o fluxo natural de auga nesta área e evitar intervencións como a de hoxe, a delegada territorial lembrou que o Goberno galego contratou recentemente un estudo técnico que agarda ter antes de que remate o ano para avaliar a retirada da barreira artificial do complexo litoral da Frouxeira. Esta medida buscaría evitar as inundacións que provoca a acumulación de area depositada na lagoa como consecuencia do bloqueo que supón a coieira -o dique artificial a base de pedras instalado na zona- para o paso axeitado da auga.
Martina Aneiros incidiu en que esta actuación busca garantir o mellor estado de conservación posible para este humidal protexido formado pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. É un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia, como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas que habitan nel.