O Centro de Protonterapia de Galicia avanza na instalación do primeiro compoñente esencial do ‘Proteus ONE’, o equipamento máis avanzado e preciso no tratamento do cancro

Esta mañá introduciuse no búnker a primeira das pezas do equipamento, fundamental no equilibrio do brazo xiratorio e esencial na calibración da máquina de protonterapia 

Nos vindeiros días recibirase o resto de materiais para a instalación do equipamento completo, que financia a Fundación Amancio Ortega 

O Goberno galego inviste case 20 millóns de euros na execución do edificio do Centro de Protonterapia de Galicia e, co equipamento achegado pola Fundación Amancio Ortega, acádase un investimento global de 45,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

A Xunta avanza na instalación do primeiro compoñente esencial do ‘Proteus ONE’ do Centro de Protonterapia de Galicia coa súa introdución xa no búnker que se dedicará ao tratamento de pacientes de cancro.

Este equipamento tecnolóxico, financiado pola Fundación Amancio Ortega, é actualmente o máis avanzado e preciso no tratamento de pacientes oncolóxicos. 

O compoñente introducido no búnker é preciso para o equilibrio do gantry xiratorio (brazo) do equipo de protonterapia, de forma que resulta esencial na calibración da máquina, que debe asegurar un movemento preciso e suave, necesario no tratamento oncolóxico de alta eficiencia que ofrecerá a sanidade pública galega. 

A posta en marcha do acelerador de protóns é un proceso complexo, que require de moitas especificidades para cumprir estritamente os protocolos e as garantías exixidas. 

Nos vindeiros días chegarán, por vía marítima, o resto de materiais para a instalación do equipamento completo, que financia a Fundación Amancio Ortega. 

Protonterapia na sanidade pública

O Centro de Protonterapia de Galicia é o proxecto que se atopa nun estado máis avanzando dos nove proxectos do Sistema Nacional de Saúde. 

Desta forma, a Xunta prevé poder tratar os primeiros pacientes a finais do vindeiro ano, tanto galegos como de Castela e León, Asturias e o norte de Portugal.

A Xunta está a investir case 20 millóns de euros na execución das obras do edificio de protonterapia, que se dotará co equipamento achegado pola Fundación Amancio Ortega, acadando un investimento de 45,5 millóns.

Esta infraestrutura está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2025