A conselleira de Política Social e Igualdade foi entrevistada no programa Bos Días da Televisión de Galicia

Fabiola García defende seguir impulsando os 365 días do ano a prevención, sensibilización e detección da violencia de xénero entre as xeracións mozas

Avanzou que a Xunta seguirá reforzando os recursos de asesoramento a pé de rúa coa posta en marcha dos CIMs móbiles no rural e campus universitarios

Tamén fixo fincapé na importancia de garantir a independencia económica das mulleres como garante da súa autonomía persoal a través de programas de inserción laboral

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, defendeu hoxe a necesidade de seguir traballando cada día na loita contra a violencia de xénero e impulsando accións de prevención, sensibilización e detección entre as xeracións máis novas, entre os que se detectan cada vez máis casos. Así o sinalou durante unha entrevista realizada no programa Bos Días da Televisión de Galicia con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Fabiola García explicou que unha gran parte dos esforzos da Xunta na prevención e sensibilización contra a violencia machista están enfocados á mocidade, ao ser as xeracións mozas das máis afectadas por esta lacra. Por iso, lembrou que nos últimos anos o Goberno galego puxo en marcha accións específicas para estes grupos de idade como o programa educativo O machismo é violencia nos centros escolares e que busca concienciar aos máis novos acerca das violencias machistas.

O papel da prevención e a sensibilización

A conselleira destacou a importancia da sensibilización e prevención á pé de rúa, a través de iniciativas que acheguen toda a información necesaria á cidadanía que “deben ser parte activa nesta loita”. Para iso, indicou que Galicia conta cunha ampla rede de Centros de Información á Muller que dá servizo a preto de 200 concellos e que nas vindeiras semanas “se incrementará grazas á posta en marcha de catro CIMs Móbiles que percorrerán o rural e os campus universitarios”.

Neste sentido, a conselleira lembrou que os adolescentes e as mulleres son tamén as vítimas potenciais da violencia na rede, polo que o Executivo galego xa traballa na que será a primeira normativa nacional específica nesta materia e que busca sentar un marco normativo claro e contundente para poder facerlle fronte á violencia nos novos contextos tecnolóxicos. “É fundamental que non permitan nunca ser controladas, xeolocalizadas ou que faciliten a súa información persoal” porque, segundo sentenciou, “son tamén manifestacións de violencia ás que debemos dicir claramente non”.

Programas e recursos

Ademais, Fabiola García explicou que cando unha muller é vítima de violencia de xénero a Xunta pon a súa disposición un dos paquetes de programas e medidas máis amplos do país segundo a súa situación. Trátase, sinalou, dun abano que comprende as prestacións económicas, os recursos habitacionais ou programas de recuperación psicolóxica e terapéutica totalmente gratuítos. Por iso, volveu salientar que o próximo ano o Goberno galego incrementará estes recursos coa apertura dunha casa de acollida en Santiago para vítimas con problemas de adiccións e que se sumará á Rede Galega de Acollemento que atendeu desde o ano 2021 a máis de mil mulleres e os seus fillos.

A conselleira tamén aproveitou a ocasión para facer fincapé nun dos aspectos máis importantes da loita contra a violencia de xénero e que pasa por impulsar accións que fomenten “a independencia económica das  mulleres” porque é – recordou- a mellor maneira de garantir a súa autonomía persoal, emancipación e liderado. Así, puxo en valor os programas destinados ao emprendemento así como as liñas de axudas que promoven o talento empresarial feminino.

Data de actualización: 25/11/2025