Chegan a Galicia todos os compoñentes do Centro de Protonterapia que permitirá ofrecer o tratamento máis preciso contra o cancro na sanidade pública
Esta mañá foron desembarcados no porto de Vigo os últimos compoñentes do acelerador de protóns que financia a Fundación Amancio Ortega
O sábado quedarán instalados no Centro de Protonterapia de Galicia
O Goberno galego inviste case 20 M€ na execución do edificio do Centro de Protonterapia de Galicia e, co equipamento achegado pola Fundación Amancio Ortega, acádase un investimento global de 45,5 M€
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025
A Xunta recibiu esta mañá, no porto de Vigo, os últimos compoñentes precisos para o Centro de Protonterapia de Galicia, financiados pola Fundación Amancio Ortega, que permitirán ofrecer na sanidade pública o tratamento máis preciso contra o cancro.
Trátase dos compoñentes do acelerador de protóns fabricados na cidade belga de Lovaina no marco do acordo entre a Fundación Amancio Ortega, o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas implicadas no impulso da protonterapia en España.
Este material será trasladado a Santiago de Compostela nos próximos días e completa o compoñente xa recibido previamente, que é preciso para o equilibrio do gantry xiratorio (brazo) do equipamento de protonterapia e esencial na calibración da máquina, que este martes foi introducido no búnker.
A posta en marcha do acelerador de protóns é un proceso complexo, que require de moitas especificidades para cumprir estritamente os protocolos e as garantías exixidas.
Tratar 250 pacientes ao ano
O Centro de Protonterapia de Galicia é o proxecto que se atopa nun estado máis avanzando dos nove proxectos do Sistema Nacional de Saúde.
A previsión é poder atender cada ano 250 pacientes nas instalacións construídas ao carón do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.
Desta forma, a Xunta prevé poder tratar os primeiros pacientes a finais do vindeiro ano, tanto galegos como de Castela e León, Asturias e o norte de Portugal.
A Xunta está a investir case 20 millóns de euros na execución das obras do edificio de protonterapia, que se dotará co equipamento achegado pola Fundación Amancio Ortega, acadando un investimento de 45,5 millóns.
Esta infraestrutura está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.