O conselleiro de Sanidade, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo e polo xerente da área sanitaria, presentou a nova Neuroescola do Hospital Universitario Lucus Augusti
Gómez Caamaño salienta que a posta en marcha no Hula da primeira neuroescola de Galicia e a segunda de España consolida Lugo como referente en epilepsia infantil
A Neuroescola está impulsada pola Unidade de Epilepsia co obxectivo de integrar o ámbito sanitario e o educativo, a través dun modelo de intervención terapéutica personalizada
Ofrece apoio educativo e terapéutico a pacientes de entre 6 e 18 anos con epilepsia farmacorresistente ou encefalopatías epilépticas do neurodesenvolvemento
Desde a súa posta en marcha, o pasado mes de setembro, a escola atende xa a dez pacientes, que se benefician dunha atención máis complexa e integral
Conta cun neurólogo con especial dedicación ao tratamento da epilepsia, unha enfermeira xestora de casos e unha profesora con formación específica en pedagoxía terapéutica
Lugo, 26 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe que a posta en marcha no Hospital Universitario Lucus Augusti da primeira neuroescola de Galicia e a segunda de España, consolida Lugo como referente en epilepsia infantil e confirma o talante marcadamente innovador deste centro sanitario da rede do Servizo Galego de Saúde.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, presentou a Neuroescola do Hospital Universitario Lucus Augusti.
Tal e como destacou o conselleiro, a Neuroescola é un proxecto propio do hospital, impulsado pola Unidade de Epilepsia do HULA, co obxectivo de integrar o ámbito sanitario e o educativo, a través dun modelo de intervención terapéutica personalizada.
Segundo explicou Gómez Caamaño, o obxectivo desta iniciativa é ofrecer apoio educativo e terapéutico a pacientes entre 6 e 18 anos con epilepsia farmacorresistente ou encefalopatías epilépticas do neurodesenvolvemento.
Desde a súa posta en marcha, o pasado mes de setembro, o conselleiro dixo que xa se atenden na escola dez pacientes, que se benefician dunha atención máis complexa e integral.
No que queda de curso os nenos manterán as súas sesións personalizadas, cun seguimento neurocognitivo e emocional continuo e, a partir de aí, analizaranse os resultados obtidos, referiu Gómez Caamaño.
Obxectivos e profesionais
O máximo responsable do Sergas incidiu en que a epilepsia é un dos trastornos neurolóxicos máis complexos, cun impacto directo na calidade de vida, así como no rendemento escolar e na integración dos pacientes, polo que, o que se pretende con esta iniciativa, é mellorar non só o seu rendemento académico, senón, tamén, a súa autoestima e a calidade de vida tanto dos pacientes como das súas familias.
Outras dos obxectivos fixados polo conselleiro por medio da neuroescola é facilitar a detección temperá de dificultades cognitivas e sociais, favorecendo a intervención precoz e a creación dunha ponte efectiva entre o sistema sanitario e o educativo, optimizando recursos e mellorando a coordinación asistencial.
Tal e como detallou o conselleiro na súa visita, a escola conta cun neurólogo con especial dedicación ao tratamento da epilepsia, unha enfermeira xestora de casos e unha profesora con formación específica en pedagoxía terapéutica.
A escola tamén dispón de material educativo adaptado (libros, pictogramas, xogos e recursos audiovisuais) que favorece o proceso de aprendizaxe e a estimulación cognitiva.
Para concluír as súas verbas, o conselleiro felicitou e agradeceu o labor dos profesionais implicados na posta en marcha desta Neuroescola destinada a mellorar a atención integral aos nenos e nenas con epilepsia e patoloxías asociadas.