A conselleira de Política Social e Igualdade inaugurou esta tarde na Coruña o Seminario anual da Rede estatal de loita contra a pobreza e a exclusión social (EAPN)

A Xunta impulsará o vindeiro ano a Lei do terceiro sector social

Fabiola García puxo en valor que 180.000 persoas saíron da pobreza en Galicia o ano pasado e que é a comunidade coa taxa máis baixa de pobreza infantil

Avoga por seguir consolidando unha rede de servizos sociais próxima, eficaz e innovadora

A Coruña, 26 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinalou hoxe que o impulso da Lei do terceiro sector social é un dos principais retos para o 2026, como xa adiantara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Fíxoo na inauguración do Seminario Anual da Rede estatal de loita contra a pobreza (EAPN), que se celebrou no paraninfo da Universidade da Coruña.

Fabiola García puxo en valor o feito de que no último ano Galicia foi a comunidade autónoma na que máis se reduciu a taxa de pobreza e exclusión social, case en sete puntos ata situarse no 18,8%, o valor máis baixo desde que existen datos. Esta baixada significa que 180.000 persoas conseguiron saír desta situación. A conselleira sumou a este dato a caída en preto de 11 puntos do risco de pobreza infantil, o que converte a Galicia na rexión que ten o indicador máis baixo, cun 17,5% fronte ao máis do 34% da media nacional, e na única que acada os obxectivos fixados por Nacións Unidas.

A titular de Política Social e Igualdade achacou estas boas cifras ás medidas adoptadas polo Executivo autonómico en ámbitos como o apoio á familias, a inserción laboral ou a protección dos colectivos máis vulnerables. Tamén destacou a importancia da colaboración coas entidades do terceiro sector e os concellos, así como o papel de EAPN e a súa ampla experiencia.

Neste sentido, Fabiola García avogou por seguir consolidando o vindeiro ano unha rede de servizos sociais próxima, eficaz e innovadora, para o que a Xunta contará cun orzamento de 1.392 millóns de euros, un 5% máis con respecto aos deste exercicio. Deste total, 130 millóns de euros destínanse integramente a blindar as políticas de inclusión social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025