A directora xeral de Persoas con Discapacidade acudiu esta mañá a III Travesía a nado polo dano cerebral

A Xunta destaca a importancia de dar visibilidade ás persoas que sofren dano cerebral adquirido

Begoña Abeijón remarcou a importancia da colaboración entre as administracións e as entidades sociais para garantir a atención a este colectivo

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 11 de xullo de 2026.

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acudiu esta mañá á celebración da III Travesía a nado polo dano cerebral, onde destacou a importancia de dar visibilidade ás persoas que sofren dano cerebral adquirido. “Unha situación sobrevida –puntualizou– que require, en moitas ocasións, empezar de cero”.

Neste sentido, felicitou aos participantes nesta proba deportiva, organizada pola asociación Dano Cerebral Galicia, Arousaman-Arousawoman, o Concello de Vilagarcía de Arousa e a Fundación de Deportes municipal, aos que agradeceu o seu apoio á iniciativa. Do mesmo xeito, remarcou a necesidade de que administracións e entidades sociais “vaian da man para ofrecer máis e mellores recursos que garantan a atención ás persoas con dano cerebral”.

Mellorar a calidade de vida destas persoas, indicou a directora xeral, é o compromiso da Xunta, que aumenta a financiación para crear máis prazas en centros de día e residencias e aumenta as axudas para contar con novos recursos. Así mesmo, rematou Begoña Abeijón, na última convocatoria da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, o Executivo autonómico destinou case 800.000 euros á Federación de Dano Cerebral de Galicia a ás súas entidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2026