A Comisión do Mexillón acorda retrasar o inicio da campaña da mexilla ata comezos de xaneiro
Na reunión, na que participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e os representantes do sector, analizáronse os datos científicos recompilados polo Centro de Investigacións Mariñas sobre os que foi sustentada esta decisión
Santiago de Compostela, 26 de novembro do 2025
A Consellería do Mar, tras a reunión da Comisión do Mexillón celebrada hoxe en Santiago de Compostela, decidiu retrasar un mes, ata o vindeiro 1 de xaneiro, o inicio da campaña de extracción de mexilla, amparándose nos datos técnicos e científicos e tras escoitar a opinión do sector.
Na reunión, na que participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, o director do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Carlos Gabín, expuxo os datos biolóxicos recompilados polo proxecto Apromex, que revelan unha escasez do recurso e un tamaño que recomendan adoptar esta decisión. Neste mesmo sentido, amosáronse os representantes do sector.
Villaverde puxo en valor que esta medida “sae do consenso entre a Administración, os científicos e o sector e vela pola sostibilidade dun recurso tan importante para Galicia”. O obxectivo é que o sector miticultor galego sexa capaz de abastecerse coa cantidade de mexilla suficiente para garantir unha campaña axeitada para todos.
Na reunión tamén se abordou a evolución do actual episodio de biotoxinas, co fin de consensuar medidas de xestión que permitan manter a produción nos polígonos pechados ata a súa reapertura.
O sector miticultor galego, estratéxico para a comunidade, conta con preto de 3.600 bateas espalladas por todo o litoral. A titular de Mar resaltou que este encontro amosa, unha vez máis, e reflexo do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira en Galicia, clave para afondar no liderado desta actividade extractiva.