A onda epidémica de gripe mantén unha intensidade baixa con tendencia crecente
O último informe de actividade das infeccións respiratorias agudas da Dirección Xeral de Saúde Pública indica que a taxa de consultas por gripe en atención primaria aumenta en todos os grupos de idade
Na última semana ingresaron no hospital 223 persoas con gripe confirmada
A Xunta lembra a necesidade de vacinarse para reducir as complicacións da enfermidade en caso de contaxio
Recoméndase o uso da máscara ao acudir a centros de saúde, aínda que non se teñan síntomas de infección respiratoria
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025
A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 17 ao 23 de novembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia segue con intensidade baixa e tendencia crecente.
Respecto da semana anterior, rexístrase un aumento na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 40,3 %.
Así, esta taxa sitúase en 72,1 consultas por 100.000 habitantes. Produciuse aumento da taxa en todos os grupos de idade, destacando o grupo de 0 a 4 anos cun aumento do 78 %.
Os grupos coa maior taxa de consultas seguen a ser o de 0 a 4 anos con 188,4 consultas por 100.000 habitantes.
No que atinxe ás áreas sanitarias, incrementáronse as consultas en todas elas, duplicándose o valor na área de Vigo e rexistrando un aumento das súas taxas as áreas de Ourense (96,6 %) e de Lugo (79,3 %).
Ao igual que na semana anterior, obsérvase unha predominancia e tamén un aumento da porcentaxe de positividade para o virus tipo A, que adoita afectar con maior frecuencia á poboación de maior idade e, polo tanto, causar un maior número de hospitalizacións.
En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 223 persoas con gripe confirmada, isto é un 4 % menos que na semana anterior (232 ingresos).
Por grupos de idade a taxa mantívose estable en todos eles agás no de 5 a 19 anos e no de 80 e máis anos, nos que descendeu. O grupo de 80 e máis anos foi o que presentou a taxa máis elevada con 38,1 ingresos por 100.000 habitantes (se ben descendeu un 7 % en comparación coa semana anterior). Por área sanitaria, a taxa de ingresos descendeu en todas elas agás nas de Vigo, Lugo e sobre todo na de Pontevedra, que duplicou o seu valor.
No que vai de temporada da gripe notificáronse 1.056 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
Recomendacións
A Consellería de Sanidade recomenda o uso da máscara en determinadas situacións, aínda que non se teñan síntomas.
En concreto, é recomendable utilizar máscara nos centros de saúde, nos puntos de atención continuada e nos servizos de urxencias hospitalarias.
En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara indícase nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.
É importante tamén, de ter síntomas, diminuír as reunións sociais, manter a distancia interpersoal e medidas de ventilación adecuadas.
Para previr complicacións por infeccións respiratorias, continúa en marcha a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid-19. A poboación diana que fose citada por SMS e non teña acudido pode volver solicitar día e hora con enfermería para vacinarse no seu centro de saúde.