A conselleira de Política Social e Igualdade participou no congreso organizado con motivo do aniversario da entidade

A Xunta felicita a Afaco por trinta anos de apoio e atención integral ás persoas con alzheimer e ás súas familias

Fabiola García lembra que a Xunta dispón dunha rede pioneira de centros de día de alzhéimer, que conta con 10 recursos especializados e 560 prazas públicas

A Coruña, 27 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor a traxectoria da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Coruña (Afaco) desde o seu nacemento hai tres décadas ata converterse nun referente sociosanitario. Así o destacou na inauguración do congreso 30 anos de memoria e esperanza: Avances e desafíos no alzhéimer, organizado pola entidade con motivo do seu trinta aniversario, na que estivo acompañada pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.

Na súa intervención, Fabiola García felicitou a Afaco polo “apoio, esperanza e atención” que desde esta entidade ofrecen ás persoas que se enfrontan a esta enfermidade e ás súas familias. Ademais, asegurou que esta entidade conta sempre coa man tendida da Xunta, que leva anos colaborando estreitamente con Afaco coa cesión do uso do centro terapéutico de Salvador de Madariaga, co financiamento de 15 prazas públicas e 20 de transporte adaptado no centro de día de alzhéimer no Barrio das Flores  ou coa dotación de persoal a través das axudas para contratar mulleres que sofren violencia de xénero.

Fabiola García lembrou, ademais, que a Xunta de Galicia dispón dunha rede  pioneira de centros de día de alzhéimer, sendo a única comunidade que conta con 10 recursos públicos especializados, que suman 560 prazas públicas de atención e coidados.

Por último, a conselleira reiterou que o Goberno galego “seguirá apostando polo tecido asociativo”, do que destacou “o seu papel esencial” e definiu como “un auténtico aliado para seguir avanzando cara unha Galicia Calidade máis igualitaria, máis xusta e máis atenta ao coidado das persoas e das familias que se atopan en dificultades”.

O congreso organizado por Afaco con motivo do seu trinta aniversario abordará durante dúas xornadas cuestións como as intervencións tras o diagnóstico, tratamentos innovadores, terapias non farmacolóxicas, novos modelos de atención e tamén aspectos clave como a soidade non desexada ou o papel dos coidadores

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025