Manuel Pardo verifica o comezo das obras da nova pasarela peonil na OU-150 en Cudeiro, nas que a Xunta inviste máis de 435.000€
O delegado territorial explicou que as actuacións estanse a executar na contorna do punto quilométrico 1+000 da estrada OU-150, independente da ponte actual, que salva o paso sobre o rego Val dos Gozos no que existe un estreitamento de calzada, co fin de mellorar a seguridade peonil nese ámbito
Manuel Pardo destacou que estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da Xunta, co que a Administración autonómica leva planificados e executados xa 300 km de itinerarios peonís e ciclistas no marco do seu compromiso coa mobilidade sostible e segura
Salientou tamén que a Administración autonómica está a ampliar esta rede de sendas nos concellos co máximo respecto á contorna, coidando a integración paisaxística
Ourense, 27 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o núcleo de Cudeiro, pertencente ao concello de Ourense, para verificar o comezo das obras da nova pasarela peonil na OU-150, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vai investir máis de 435.000 euros.
O delegado territorial explicou que esta intervención vaise executar na contorna do punto quilométrico 1+000 da estrada OU-150, independente da ponte actual, que salva o paso sobre o rego Val dos Gozos, no que existe un estreitamento de calzada, co fin de mellorar a seguridade peonil nese ámbito.
Manuel Pardo destacou que estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da Xunta, co que a Administración autonómica leva planificados e executados xa 300 km de itinerarios peonís e ciclistas no marco do seu compromiso coa mobilidade sostible e segura, co fin de que as persoas poidan desprazarse polas estradas de forma segura e saudable.
Deste xeito, o delegado territorial salientou que a Administración autonómica está a ampliar esta rede de sendas nos concellos co máximo respecto á contorna, coidando a integración paisaxística, e lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2026 contemplan 263 M€ para seguir avanzando en infraestruturas, coa posta en marcha de novas sendas, a aposta pola conservación nos viarios autonómicos cun investimento récord de 71,6 M€ e sumando novos quilómetros nas estradas de altas prestacións.
A nova pasarela peonil
A estrutura proxectada terá tipoloxía estrutural de pórtico con canto variable, en aceiro. Constará de dous vans, o principal de 35,35 metros entre apoios e o máis pequeno de 18,85 metros, mantendo un esquema simétrico dende a pila ata o canto máis reducido. A lonxitude total do taboleiro será de 54,20 metros. A sección transversal terá un ancho de 2,50 metros transitables, e conformarase de barras tubulares en celosía.
O alzado do estribo 1 disporá dun intradorso que permitirá o apoio do arco inferior, e un extradorso vertical. O cargadeiro superior protexerase cun muro de 20 centímetros de espesor. O estribo 2 disporá dun extradorso e intradorso vertical para recibir o arco inferior, e tamén o cargadeiro protexerase cun muro de 20 centímetros de espesor. En ambos os estribos será necesaria a disposición dun muro de acompañamento na marxe dereita, que conterá as terras dos accesos á pasarela. Estes muros serán de coieira, cunha altura máxima de 2 metros.
A pila comporase dun tronco formado por un pedestal de formigón de 75 centímetros de altura, sobre o que se soportará un tubular cadrado de aceiro cunha altura de 1,35 metros dende a que se ramificará en catro soportes con tubulares cadrados de sección variable, ata unha altura de 3,74 metros.