O Servizo Galego de Saúde garante unha asistencia sanitaria de calidade no concello de Xove

O centro de saúde de Xove conta con dúas prazas de médico de familia asignadas a 1.378 e 1.365 tarxetas sanitarias individuais respectivamente, cupos por baixo da ratios máximas de referencia de calidade asistencial

A falta de médicos impedira ata agora cubrir de forma estable a praza vacante por xubilación, se ben a asistencia está garantida grazas a intersubstitucións e prolongacións de xornada voluntarias doutros profesionais

Desde o vindeiro 1 de decembro o centro de saúde contará con cobertura estable e continua nos dous cupos

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, remarcou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, que as dúas prazas de médico de familia do centro de saúde de Xove están actualmente cubertas, garantindo así unha asistencia sanitaria de calidade.

O representante sanitario do Executivo galego subliñou que a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos contará no vindeiro ano cun investimento de 701 millóns de euros, cun incremento do 3,91 %, que inclúe persoal, funcionamento, material sanitario, farmacia e investimentos.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o director xeral incidiu no déficit de médicos no conxunto de todo o Estado, competencia que corresponde ao Ministerio de Sanidade arranxar.

O centro de saúde de Xove -explicou o directivo do Sergas- conta con dúas prazas de médico de familia asignadas a 1.378 e 1.365 tarxetas sanitarias individuais, respectivamente. Son cupos que se sitúan por debaixo da ratio de referencia de calidade asistencial, que se sitúa nas 1.500 tarxetas por profesional, polo que Xove están dentro dos estándares de calidade.

Un dos cupos quedou vacante pola xubilación dunha facultativa. Diante disto, e a pesar da falta de médicos, o Sergas garantiu sempre, como mínimo, tres días de cobertura semanal e, nos demais días, reorganizáronse recursos con intersubstitucións, prolongacións voluntarias de xornada e co traballo dos profesionais dispoñibles.

Dese xeito, Alfredo Silva incidiu en que, a día de hoxe, a asistencia está plenamente garantida con dous facultativos e, desde o 1 de decembro, o centro contará con cobertura estable e continua nos dous cupos.

O director xeral rematou a súa intervención sinalando que Galicia seguirá pedido ao Estado máis prazas MIR e reformas estruturais e, mentres o Executivo central non achega solucións ao déficit de médicos, a Xunta seguirá a traballar con rigor, apoiando aos profesionais e garantindo ao 100 % a asistencia sanitaria en cada concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025