Así o trasladou o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, no marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia

O Servizo Galego de Saúde reitera no Parlamento que todos os nenos das comarcas do Condado e da Paradanta teñen atención pediátrica garantida

O director xeral detallou o número de pediatras dispoñibles en cada municipio, todos con cupos por debaixo da ratio máxima recomendada polo Ministerio de Sanidade

Destaca o labor do persoal de enfermería, que garante as revisións do programa do neno san e as vacinas correspondentes por calendario

Lembra a necesidade de que o Goberno central flexibilice a acreditación de prazas MIR para formar máis pediatras e que permita prolongar a idade de xubilación de forma voluntaria ata os 72 anos, para facer fronte ao déficit de profesionais

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, informou hoxe no Parlamento de Galicia da distribución de persoal dos servizos de pediatría nas comarcas do Condado e da Paradanta, que garanten a asistencia a todos os nenos destes concellos.

No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, Alfredo Silva facilitou a dispoñibilidade de pediatras en cada municipio destas comarcas, que en todos os casos contan con cupos cun número de nenos por debaixo da ratio máxima recomendada polo Ministerio de Sanidade.

Ponteareas é o punto de referencia para as comarcas no momento de ter que reorganizar axendas por baixas ou permisos aos que os profesionais teñen dereito. Así, traballan neste centro de saúde dous pediatras en quenda de mañá todos os días e un terceiro pediatra en quenda deslizante tamén diaria.

En Salceda de Caselas hai un pediatra diario en quenda de mañá, ao igual que en Salvaterra de Miño, onde ademais hai poucas semanas se recuperou a pediatra titular, co que os pacientes dispoñen de cita no mesmo día.

En Mondariz e O Covelo, a organización actual contempla un pediatra en prolongación de xornada de luns a venres, con presenza en Mondariz os luns, martes, mércores e venres, e no Covelo, con 152 nenos adscritos, os xoves.

En Arbo, cun cupo de 236 nenos, e As Neves, con 320, hai un pediatra diario, con media mañá en Arbo e media mañá nas Neves.

Na Cañiza e en Crecente a atención está organizada de forma compartida. Os xoves hai pediatra na Cañiza, e o resto dos días os nenos son citados en Mondariz, onde hai ocos dispoñibles. Os cupos destes concellos son de 462 nenos na Cañiza e 36 en Crecente, con días nos que se rexistran dúas ou catro consultas.

Na súa intervención, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde quixo desmentir atrasos en temas como a vacinación por ausencia momentánea dun profesional de pediatría.

“Calquera afirmación que poña en dúbida o labor do persoal de enfermería carece de fundamento e desmerece o traballo dun colectivo imprescindible nun centro de saúde”, sinalou Alfredo Silva, xa que a enfermería garante as revisións do programa do neno san e as vacinas correspondentes por calendario.

Medidas para incrementar pediatras

O director xeral de Asistencia Sanitaria contextualizou o problema de falta de pediatras como un problema nacional e non só de ámbito galego.

Por parte da Xunta, a Consellería de Sanidade leva sete anos consecutivos ofertando o 100 % das prazas formativas de pediatría, ademais de medicina familiar e comunitaria, e contratando todos os profesionais dispoñibles.

Neste sentido, Alfredo Silva reiterou a necesidade de que o Ministerio flexibilice os criterios de acreditación de prazas MIR para que as comunidades autónomas poidan formar máis pediatras de atención primaria.

Outra das reclamacións que Galicia lle trasladou ao Goberno central e que non está a ser atendida é a opción de prolongar a actividade profesional ata os 72 anos, de forma voluntaria, en categorías deficitarias como é pediatría.

Dentro das súas competencias, Galicia tomou decisións pioneiras como a aprobación da Lei de medidas extraordinarias para postos de difícil cobertura, con incremento de retribucións e a oferta de prazas específicas por concurso de méritos. Así, na última oferta pública de emprego do Sergas, no Condado e A Paradanta foron adxudicadas sete prazas, das cales catro son de pediatría en centros de saúde destas comarcas.

De forma paralela, Alfredo Silva lembrou que a Xunta recolle nos orzamentos de 2026 crédito de 600.000 euros para a redacción do proxecto de construción do novo centro de saúde de Ponteareas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025