O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica participou nunha xornada sobre Garantía Infantil

A Xunta destaca as medidas impulsadas nos últimos anos e que sitúan a Galicia como a comunidade con menos risco de probreza infantil

Jacobo Rey sinalou que o Executivo galego conta con diferentes recursos e programas para garantir o benestar da infancia en situación de vulnerabilidade

Neste sentido, lembrou que a Estratexia Galega de Inclusión da poboación Xitana contempla accións específicas para o reforzo da educación e a loita contra o abandono escolar do colectivo

Tamén puxo en valor a rede de atención temperá que conta con preto de 60 unidades na comunidade e atende a máis de 6.000 familias

Madrid, 27 de novembro de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, defendeu esta mañá en Madrid,  nun acto sobre Garantía Infantil,  as medidas adoptadas pola Xunta nos últimos anos para dar resposta ás necesidades dos nenos e adolescentes e mellorar a súas situación, en concreto coa redución de pobreza infantil na que Galicia presenta as cifras máis baixas.

No acto, organizado pola Plataforma de Organizacións da Infancia (POI) e a Fundación Secretariado Gitano, o director xeral recalcou a importancia de ofrecer aos nenos e adolescentes unha contorna segura na que medrar e iso pasa – defendeu- por garantir unhas condicións de estabilidade boas para as familias. Polo que, recalcou a Xunta considera que un dos pasos principais é reducir as condicións de pobreza, carencia ou exclusión social que poidan sufrir. Así, insistiu en que neste sentido, as cifras amosan que Galicia avanza no bo camiño cunha redución considerable dos indicadores nos últimos anos.

A maiores, Jacobo Rey fixo fincapé na necesidade de impulsar accións que fomenten a inclusión das persoas máis vulnerables. Deste xeito, explicou que en Galicia a Estratexia de Inclusión da poboación Xitana inclúe medidas e accións específicas no reforzo da educación infantil para evitar o abandono escolar e impulsar a súa integración na contorna.

Así mesmo, o director xeral tamén lembrou que a Xunta promove unha atención  temperá aos cativos con problemas de desenvolvemento para facilitar a súa integración e ofrecer ás familias as ferramentas necesarias para que desfruten dunha infancia segura e adaptada as súas necesidades. Neste sentido, recalcou que o Goberno galego incrementou o número de unidades específicas nos concellos pasando das 14 que había no 2009 ata as preto de 60 da actualidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025