O presidente galego participou no acto de celebración de Santa Bárbara de Fegaes
Rueda pon en valor o papel das gasolineiras no rural á hora de garantir servizos básicos e contribuír a fixar poboación
Destaca o acordo alcanzado entre a Xunta, a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) e Abanca este ano e que está a permitir a retirada de efectivo nas estacións dos municipios de menos de 20.000 habitantes
A medida, pioneira en España, está a ser todo un éxito con máis de 110 puntos adheridos nos catro meses que leva vixente
Agradece o labor das gasolineiras nos momentos críticos como a pandemia da Covid-19 ou o apagamento do pasado mes de abril, garantindo o abastecemento de combustible a servizos públicos esenciais como os hospitais
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a colaboración e o labor fundamental que desempeñan as estacións de servizo, sobre todo no rural, á hora de proporcionar combustible pero tamén outros servizos básicos, o que axuda a vertebrar e fixar poboación, así como a “dar vida aos territorios”.
Así se referiu durante o acto de celebración da festividade de Santa Bárbara por parte da Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), onde Rueda salientou o acordo alcanzado entre a Xunta, a Federación e Abanca que está a permitir a retirada de efectivo nas gasolineiras dos municipios de menos de 20.000 habitantes.
Unha medida pioneira en España que está a ser todo un éxito con máis de 110 estacións adheridas nos catro meses que leva vixente e que, ademais, reflicte a importancia da colaboración público-privada á hora de facer máis sinxela a vida das persoas e que vai en paralelo coa liña de apoios posta en marcha polo Goberno galego este ano para a modernización e dixitalización das estacións de servizo que estean tamén no rural.
Todo isto, apuntou o presidente, nun contexto de cambio e evolución no que a Xunta axudará “en todo o que está por vir” no marco da dixitalización, dos novos combustibles e das “novas formas de desprazarse”, e para o que tamén será relevante contar con “profesionais sobre o terreo que se adaptan aos tempos” e facer tamén Galicia Calidade.
O titular do Goberno galego agradeceu tamén o labor das gasolineiras de Galicia nos momentos críticos como a pandemia da Covid-19 ou o apagamento do pasado mes de abril, xa que axudaron a garantir o abastecemento de combustible a xeradores e servizos públicos esenciais como os hospitais.