A Xunta garante a seguridade do alumnado e corpo docente do CEIP A Lomba coa limpeza e reparación da fachada danada do edificio

Un equipo de técnicos da Xunta desprazarase ao centro para realizar un informe sobre o estado da estrutura a partir do cal se estudará se é necesaria algunha outra actuación

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa seguridade e comodidade de toda a comunidade educativa

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 27 de novembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o IES A Lomba, no concello de Vilagarcía de Arousa, onde a Xunta está a levar a cabo unhas labores de limpeza e reparación na fachada do edificio.

Os traballos, que terán un custo aproximado de 35.000 euros, permiten garantir a seguridade do alumnado e do corpo docente do centro e evitar a caída de cascotes ou outros elementos en mal estado.

Ademais, unha vez rematados estes traballos, un equipo técnico da Xunta de Galicia desprazarase ao centro para realizar un informe sobre o estado do edificio, construído no ano 2008, para coñecer as condicións reais nas que se atopa a estrutura e estudar se é necesario realizar algunha outra actuación.

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa seguridade e comodidade de toda a comunidade educativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025