Os hospitais públicos acollerán esta fin de semana unhas xornadas extraordinarias de vacinación fronte á gripe para as que están citadas 33.000 persoas de 60 a 69 anos

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, citou por SMS a persoas deste tramo de idade que aínda non foran chamadas a vacinarse nos seus centros de saúde

Este sábado e domingo os hospitais do Servizo Galego de Saúde nas sete cidades reforzarán a campaña de vacinación polo inicio precoz da onda epidémica da gripe

No caso dos hospitais comarcais, as citas de vacinación concentraranse na xornada do sábado, 29 de novembro

Máis do 55,7 % das persoas maiores de 60 anos están xa vacinadas fronte á gripe en Galicia

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025

Os hospitais do Servizo Galego de Saúde acollerán esta fin de semana unhas xornadas extraordinarias de vacinación para as que están citadas 33.000 persoas de 60 a 69 anos.

Con ese obxectivo, nos últimos días, a Consellería de Sanidade citou por sms as persoas desa franxa de idade que aínda non foran chamadas a vacinarse fronte á gripe nos seus centros de saúde. A mensaxe enviada establece unha cita na franxa horaria de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas para acudir ao seu hospital.  

En concreto, nas xornadas do sábado e do domingo, vacinarase fronte á gripe no Hospital Universitario da Coruña (4ª planta), no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol (no laboratorio de análises clínicas, planta 0), no Hospital Clínico de Santiago (sala de toma de mostras, andar -3), no Hospital Universitario Lucus Augusti (4ª planta), no novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (planta 0), no Hospital Público Álvaro Cunqueiro (zona de docencia, planta 0) e no Hospital Provincial de Pontevedra (no hospital de día de adultos, entrada por consultas externas).

No caso dos hospitais comarcais, o sábado no mesmo horario de mañá e tarde vacinarase no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee (en consultas externas), no Hospital de Barbanza (salón de actos), no Hospital da Mariña (no punto de vacinación), no Hospital de Monforte de Lemos (na planta baixa, entrada pola zona de aparcadoiro), no Hospital de Valdeorras (na biblioteca), no Hospital de Verín (salón de actos) e no Hospital do Salnés (no hospital de día de adultos, planta 0).

Esta é unha medida de anticipación para aumentar a cobertura vacinal ante o inicio precoz da onda epidémica da gripe, que actualmente está en nivel baixo aínda que con tendencia crecente.

A día de hoxe en Galicia xa foron vacinadas máis de 682.200 persoas.

A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid iniciouse no mes de setembro e desde o 10 de novembro as persoas de 60 a 69 anos xa comezaron a vacinarse nos seus centros de saúde ou consultorios.

Así, neste momento a porcentaxe de poboación maior de 60 anos vacinada fronte á gripe chega ao 55,7 %.

Ás persoas que non reciban SMS para vacinarse esta fin de semana no hospital chegaralles proximamente unha mensaxe da Dirección Xeral de Saúde Pública para acudir ao seu centro de saúde.

Data de actualización: 28/11/2025