O conselleiro de Sanidade participou hoxe en Vigo no acto de inauguración da XII Reunión anual do Grupo galego de investigación en tumores dixestivos
Gómez Caamaño destaca que o programa de detección precoz permitiu detectar máis de 2.900 cancros colorrectais ata 2024, a maioría en estadios precoces
A estratexia da Consellería de Sanidade de enviar os test do cribado directamente ao domicilio da poboación diana aumentou a taxa de participación
Ademais da prevención, a Xunta aposta pola oncoloxía de precisión, para o que impulsa o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas e o Centro de Protonterapia de Galicia
Vigo, 28 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou os resultados do programa de detección precoz do cribado de cancro colorrectal, que ata o ano pasado permitiu identificar 2.933 cancros, o 65,81 % deles en estadios iniciais.
Así o trasladou Gómez Caamaño, na inauguración da XII Reunión anual GITUD, Grupo galego de investigación en tumores dixestivos, que se celebra en Vigo.
Na detección precoz, o conselleiro de Sanidade marcou como decisiva a estratexia de invitación que se modificou en 2022 para pasar a enviar os test do cribado directamente ao domicilio da poboación diana, mulleres e homes de 50 a 69 anos. Con estas facilidades, incrementouse a taxa de participación no cribado.
Desde o inicio do programa ata finais de 2024, a Xunta enviou máis de 2,5 millóns de invitacións de participación e realizou máis de 66.200 colonoscopias.
Os próximos retos da Consellería de Sanidade son continuar aumentando a participación nas probas de detección precoz, implementar o uso de intelixencia artificial no apoio á colonoscopia e ampliar a idade da poboación diana.
Medicina de precisión
Gómez Caamaño chamou a atención sobre a prioridade que a Xunta lle dá ao tratamento contra o cancro e que culminará proximamente con dous proxectos clave.
Por unha banda, o novo Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas, situado no campus sur de Santiago de Compostela, comezará a producir tratamentos con denominación de orixe galega. É o caso dun CAR-T académico para un tumor sólido sen alternativa comercial.
Por outro lado, o Centro de Protonterapia de Galicia, que constrúe a Xunta e continúa a avanzar na instalación do equipamento financiado pola Fundación Amancio Ortega. Este centro será o primeiro da sanidade pública española en tratar pacientes con terapia de protóns.