A Xunta seguirá fortalecendo a rede local de servizos sociais de inclusión en colaboración coas entidades e concellos

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, clausurou hoxe na Coruña o seminario sobre novos modelos de servizos sociais organizado polas redes galega e estatal de loita contra a pobreza (EAPN)

A Coruña, 28 de novembro de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, avogou hoxe por seguir avanzando, da man das entidades sociais e dos concellos, no fortalecemento da rede de servizos sociais de Galicia, para achegar os recursos ás persoas e familias que verdadeiramente os necesitan. Díxoo no acto de clausura do Seminario Garantía de dereitos e novos modelos de servizos sociais: O papel do terceiro sector, organizado pola rede galega e estatal de loita contra a pobreza e a exclusión social (EAPN).

Arturo Parrado destacou que o traballo a pé de campo que realiza o tecido social é imprescindible para diminuír a desigualdade, xa que con el se contribúe a que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de participación, formación, emprego e benestar. 

Neste sentido, dixo que a coordinación da Xunta con entidades sociais e concellos ten permitido que Galicia rexistre nos últimos anos unha mellora progresiva nos indicadores de pobreza e exclusión social. De feito, un total de 180.000 galegos saíron do risco de pobreza no 2024 e a taxa de pobreza infantil é a máis baixa de España.

Por último, o director xeral manifestou que o vindeiro ano a Xunta seguirá blindando as políticas de inclusión social, ás que destinará 130 millóns de euros, así como a colaboración co tecido social. Ademais, reiterou que un dos obxectivos para 2026 é impulsar a Lei do Terceiro Sector Social, como xa adiantara o mércores na apertura a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a inauguración deste encontro.

Data de actualización: 28/11/2025