Mar autoriza a reapertura dos primeiros polígonos bateeiros de mexillón da ría de Vigo
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, resolveu hoxe reabrir tres polígonos (B,C e D) de viveiros flotantes de mexillón da zona de Redondela. Os primeiros desde o inicio do episodio por biotoxinas lipofílicas que mantiña prohibida a actividade extractiva do sector miticultor na ría de Vigo e que permite albiscar a súa remisión.
Unha decisión que está sustentada na mellora dos resultados obtidos polas mostraxes realizadas polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), recoñecido como Laboratorio Nacional de Referencia en Biotoxinas pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN). Este organismo presta un servizo de avisos rápidos que permite informar de xeito áxil e efectivo ao sector dos cambios detectados nas zonas produtivas. Un labor constante que se traduce en ao redor 80.000 análises anuais e o envío de máis de 20.000 notificacións.