Mar inviste 1,8 M€ en reforzar a estrutura do dique de abrigo do porto de Burela con 160 bloques de formigón de 56 toneladas

Marta Villaverde visitou as obras que está a executar Portos de Galicia e que permitirán tamén adaptar esta infraestrutura ao posible incremento do nivel do mar no horizonte 2100

Burela (Lugo), 28 de xullo de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 1,8 millóns de euros para reforzar a estrutura do dique de abrigo do porto de Burela e adaptalo aos rebases de onda tendo en conta o posible incremento do nivel do mar no horizonte 2100. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, visitou esta mañá as obras que se atopan en execución.

Villaverde explicou que se trata duns traballos de grande complexidade cun prazo de execución de 22 meses que remata no primeiro trimestre de 2027. A día de hoxe, están xa fabricados os bloques que van reforzar o dique e que se atopan acopiados no porto para iniciar nos vindeiros días a súa colocación.

As obras consisten no aporte de 160 bloques de formigón de 3 metros de lado e 56 toneladas de peso nas zonas nas que se teñen producido desprendementos ou o dique perdeu estrutura por acción do mar e as adversidades climatolóxicas. A metade dos bloques poderán ser colocados desde terra e para a outra metade será necesaria unha pontona que permita instalalos desde o mar. Para iso empregarase unha grúa de máis de 500 toneladas e unha pontona para mínimo 1.000 toneladas.

A conselleira subliñou que esta actuación mellorará as condicións de traballo dos profesionais que operan nun porto con preto dun centenar de embarcacións censadas, que se sitúa entre os primeiros peiraos de titularidade autonómica en descarga de peixe fresco e cuxo valor de venda é o maior da comunidade. Finalmente, redundará tamén nunha mellora das condicións de operatividade para os barcos de mercadorías que cargan e descargan no porto burelés, fundamentalmente madeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026