A Xunta licita por preto de 5 M€ a primeira parte das obras de mellora da rede de saneamento e depuración de auga no rural de Ferrol

As actuacións, que teñen un prazo de execución de 24 meses, buscan mellorar a rede de tratamento de augas residuais para poder dar servizo a distintos núcleos das parroquias de Brión, Covas, Doniños, Esmelle, A Cabana e A Graña

Os traballos beneficiarán a unha poboación potencial de máis de 1.350 habitantes co ano 2049 como horizonte e abórdanse unha vez que practicamente toda a poboación urbana está conectada aos sistemas de saneamento e depuración da cidade

As intervencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, permitirán ampliar a rede de colectores en preto de 13,5 quilómetros, instalar os pozos de rexistro asociados e executar sete bombeos e impulsións que superan os catro quilómetros de tubaxes

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 16 de xaneiro e os investimentos previstos engádense aos máis de 30 millóns de euros que leva destinados Augas de Galicia a Ferrol desde 2009

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025

A Xunta sacou hoxe a licitación por preto de 5 millóns de euros a primeira parte das obras de mellora do saneamento e depuración de auga na zona rural de Ferrol. Esta actuación enmárcase no convenio asinado entre o Executivo galego e o Concello ferrolán polo que a Administración autonómica asumirá o 70% dos investimentos e o Goberno local o 30% restante.

Os traballos -que contan con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027- buscan mellorar a rede para o tratamento de augas residuais e poder dar servizo a distintos núcleos das parroquias de Brión, Covas, Doniños, Esmelle, A Cabana e A Graña.

Augas de Galicia aborda este proxecto unha vez que practicamente o 100% da poboación urbana de Ferrol está conectada aos sistemas de saneamento e depuración existentes na cidade. Mentres, o resto das zonas rurais do municipio quedarán para a segunda parte da fase 1 e para a fase 2 de actuacións, das que aínda están pendentes de definir os traballos concretos a realizar. De feito, as obras proxectadas entre as dúas fases beneficiarán a máis de 4.400 habitantes co ano 2049 como horizonte, dos que arredor de 1.350 corresponden a esta primeira parte da fase 1 que se licita hoxe na plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Este contrato -ao que as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 16 de xaneiro- contribuirá ao obxectivo de que, no menor tempo posible, o conxunto da poboación rural de Ferrol estea conectada á rede municipal ofrecendo servizos eficaces e sostibles e mellorando a situación medioambiental da contorna.

Os traballos, cun prazo de execución de 24 meses, inclúen completar a rede de colectores existente entre o lugar de Valón, na parroquia de Doniños, e a parroquia da Cabana coa instalación de preto de 13,5 quilómetros de tubaxes de distintos diámetros así como dos pozos de rexistro correspondentes.

A maiores están proxectados sete bombeos e impulsións -con máis de catro quilómetros de tubaxes de distintos diámetros- co fin de superar os desniveis topográficos existentes na área na que se van realizar as actuacións. O proxecto desta primeira parte da fase 1 tamén inclúe a reposición de todos os firmes e pavimentos que se vexan afectados durante a execución das obras.

Deste xeito, a Xunta avanza na optimización dos sistemas de saneamento e depuración de auga no concello de Ferrol, onde Augas de Galicia leva investidos máis de 30 millóns de euros en distintas infraestruturas postas en marcha desde 2009, aos que se suman agora os máis de 4 millóns de euros destinados polo Goberno galego -o 70% do total- a esta primeira fase de mellora dos sistemas de saneamento no rural, accións que contribuirán a mellorar a situación medioambiental da contorna e a calidade das augas da ría ferrolá.

Colaboración cos concellos

Esta actuación enmárcase na colaboración tanto técnica como económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos -que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración- para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 millóns de euros para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía, e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.

En global, o organismo hidráulico dedicará o próximo ano 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento -108,7 millóns de euros- e case a metade -73,6 millóns de euros-, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas prestará unha atención especial á situación particular dos núcleos rurais, con investimentos que en 2026 suman 17,8 millóns de euros -case un 40% máis ca este ano- para dotar distintas áreas das catro provincias dos mellores servizos hidráulicos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos de poboación ou en zonas dispersas.

Data de actualización: 28/11/2025