A Xunta mellora a cobertura móbil na zona rural do concello de Lugo coa posta en servizo de dúas antenas
O delegado territorial, Javier Arias, explica que xa están operativas as torres de Gondar e Santa María Alta e en decembro entrará en funcionamento a de San Pedro de Mera, logo dun investimento total de 700.000 euros nas tres infraestruturas
Lugo, 27 de novembro de 2025
As antenas instaladas pola Xunta nos núcleos de Gondar e Santa María Alta para mellorar as comunicacións móbiles no rural do concello de Lugo entraron este mes en funcionamento. O delegado territorial, Javier Arias, confirmou que está previsto que no mes de decembro preste xa tamén servizo a de San Pedro de Mera, “completando así a rede que dota á zona rural do municipio dun servizo de telefonía móbil rápido, estable e eficaz”.
As tres infraestruturas foron executadas pola Xunta, a través da empresa pública Retegal, cun investimento próximo aos 700.000 euros.
O delegado desprazouse hoxe a Gondar, onde o pasado mes de febreiro se asentaba a torre nun terreo cedido por un veciño para mellorar a cobertura móbil deste núcleo de poboación. Con posterioridade, dotouse do equipamento necesario e de conexión eléctrica e tramitouse a súa autorización diante do Goberno central.
Arias apuntou que en San Pedro de Mera só resta culminar esta última fase administrativa para poñer tamén en servizo a antena, que permitirá reforzar as comunicacións nos núcleos de Bacurín, Carricova, O Burgo, O Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba e Cabanas.
Pola súa banda, a torre de Santa María Alta -operativa desde comezos deste mes-mellora a cobertura nesta localidade e nas poboacións de Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño e Torible.
Arias explicou que a instalación de torres en núcleos rurais de toda a comunidade forma parte dunha iniciativa da Xunta para complementar as accións do Estado, que é a Administración que ten as competencias en materia de telecomunicacións.