As condicións meteorolóxicas adversas obrigan a Xunta a suspender a tradicional andaina Camiño ao Respecto prevista para mañá en Santiago
A situación meteorolóxica prevista por Meteogalicia para a capital e a súa contorna desaconsellan a realización desta marcha co obxectivo de garantir a seguridade dos participantes
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025
A Xunta vese na obriga de cancelar a tradicional andaina solidaria Camiño ao Respecto que estaba previsto celebrar mañá, 29 de novembro, en Santiago de Compostela. Esta decisión tómase para garantir a seguridade dos participantes.
Neste sentido, a predición meteorolóxica indica que unha profunda borrasca que afectará á comunidade deixará precipitacións que poden superar os 15 mm nunha hora. Tras este empeoramento das condicións meteorolóxicas, durante a xornada de hoxe recibíronse numerosas cancelacións e consultas de participantes preocupados ante as fortes chuvias previstas e a súa afectación ao desenvolvemento e transcurso desta andaina.
Deste xeito, a Xunta lamenta a suspensión da andaina solidaria entre o Monte do Gozo e a praza do Obradoiro enmarcada nas máis de 400 actividades organizadas polo Goberno galego con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.