Gómez Caamaño destaca a contribución do doutor Bello López ao progreso da hematoloxía galega e á consolidación das terapias avanzadas na sanidade pública

O experto en hematoloxía ingresa hoxe como membro numerario da Real Academia de Medicina de Galicia

O conselleiro de Sanidade salienta a excelencia da traxectoria profesional e investigadora dun dos talentos máis destacados da comunidade científica galega

A Coruña, 28 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde as achegas realizadas polo doutor Luis Bello López nos ámbitos da hematoloxía e das terapias avanzadas fronte ao cancro, na súa recepción como membro numerario da Real Academia de Medicina de Galicia.

Durante o acto, o responsable do departamento sanitario da Xunta remarcou a excelencia da carreira profesional e investigadora dun dos talentos máis destacados da comunidade científica galega.

Destaca a súa participación no primeiro transplante de medula ósea en Santiago de Compostela no ano 1993, e o seu papel clave na consolidación das terapias Car-T no hospital da capital de Galicia.

O ingreso do doutor Bello López a Real Academia de Medicina de Galicia engádese a outras distinción outorgadas ao longo da súa carreira e que o fixeron merecedor do ‘Título de Excelencia Galega en Ciencias e Medicina’ ou do ‘Premio Soledad Woessner’.

Segundo Gómez Caamaño, a Real Academia de Medicina incorpora hoxe de forma xusta a un facultativo que situou a sanidade galega á fronte da innovación e que deixou unha pegada duradeira nos servizos de hematoloxía, nos laboratorios e nunha xeración enteira de profesionais aos que formou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025