O presidente galego presenciou a instalación do acelerador de protóns no búnker do novo edificio

Rueda destaca que o futuro centro de protonterapia suporá un antes e un despois no tratamento contra o cancro en Galicia

Confirma que Galicia será a primeira comunidade autónoma en ofrecer a protonterapia na sanidade pública

Avanza que os primeiros pacientes poderán comezar a tratarse entre finais do 2026 e inicios de 2027

Xa se están formando aos profesionais que atenderán neste centro

Pon en valor todas as iniciativas que está impulsando o Goberno galego na atención ao cancro, coa ampliación dos cribados, a aposta pola oncoloxía de precisión e as terapias avanzadas

O investimento total superará os 60 M€ entre a edificación e o equipamento, contando os 28 M€ achegados pola Fundación Amancio Ortega á sanidade pública galega no marco do acordo para o impulso da protonterapia en España

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o futuro centro de protonterapia, que se está construíndo en Santiago de Compostela, suporá un antes e un despois no tratamento contra o cancro en Galicia: “Hoxe é un día moi importante. Grazas a todos os que están implicados neste proxecto desde o principio. Estou moi orgulloso de que a sanidade pública galega vaia abrir este centro. Facemos un esforzo importante, pero creo que vale a pena”, salientou Rueda.

Así o sinalou hoxe nunha visita ás obras deste centro, onde presenciou a instalación do acelerador de protóns, fabricado ex profeso en Bélxica, no búnker do novo edificio. No acto estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e polo director da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega, entidade que doou este equipamento, e á que destacou como “parte fundamental dos milagres que imos conseguindo” e como “un aliado imprescindible”.

As obras do novo centro están actualmente moi avanzadas, a máis do 91% de execución. Así, o centro galego é o máis adiantado dos 9 que se están construíndo en España, o que converterá a nosa comunidade na primeira en ofrecer este tratamento de radioterapia de precisión a través da sanidade pública.

A partir de agora, comeza a fase final dos traballos, que consiste na calibración e posta a punto do equipamento, incluído o acelerador ciclotrón: “Este é un bo exemplo dunha sanidade que ten que ocuparse de todo, desde a medicina máis sobre o terreo, a medicina primaria, ata a medicina más de vangarda, como a que vai albergar este centro”, resaltou Rueda. Para facelo posible, xa está en Santiago un equipo internacional de expertos de distintas nacionalidades e distintos perfís: enxeñeiros, físicos ou persoal administrativo.

Con todo, trátase dunha tarefa moi complexa, que se estima que durará uns 12 meses. Polo tanto, os primeiros pacientes deste centro poderían empezar a recibir tratamento entre finais de 2026 e inicios de 2027. Actualmente, en Galicia xa se están formando aos profesionais sanitarios que atenderán este centro: “Todos estamos desexando que os pacientes que necesitan esta tecnoloxía poidan tela. Así que confío que a finais do ano que vén sexamos capaces de que isto sexa unha realidade”, apuntou o presidente.

O investimento total do Centro de Protonterapia de Galicia superará os 60 millóns de euros entre a edificación e o equipamento. Nese orzamento están recollidos os 28 M€ achegados pola Fundación Amancio Ortega á sanidade pública galega no marco do acordo para o impulso da protonterapia en España.  As obras do edificio, impulsadas polo Goberno galego, están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2021-2027.

Ao final da súa intervención, o presidente da Xunta quixo manifestar o seu agradecemento a todos os que están facendo posible este centro de protonterapia, destacando especialmente o labor de todos os profesionais da sanidade pública galega: “Grazas por seguir téndoos na vangarda, que é onde a xente quere que esteamos e onde estades cumprindo e dando un bo exemplo. Sodes un motivo de orgullo”, rematou Rueda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2025