O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu no acto conmemorativo do Día do Voluntariado, que organiza a Asociación Española contra o Cancro na Coruña
A Xunta pon en valor o papel esencial do voluntariado da Asociación Española contra o Cancro no acompañamento a pacientes oncolóxicos
O labor dos voluntarios da AECC nos hospitais, nas unidades de día e mesmo nos fogares dos pacientes, serve para dar forza e consolo a quen máis o precisa
O conselleiro expresa a súa honra polo recoñecemento concedido pola AECC, ao considerar que a Xunta e esta asociación contan con obxectivos comúns e a mesma vontade de mellorar a vida das persoas
Subliña o valioso papel dos voluntarios na Unidade de Coidados Paliativos do Hospital Marítimo de Oza, acompañando enfermos e familiares
A Coruña, 29 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor o papel esencial do voluntariado da Asociación Española contra o Cancro no acompañamento a pacientes oncolóxicos como complemento do quefacer sanitario, cun enorme impacto positivo na vida de tantas familias.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, interveu no acto conmemorativo do Día do Voluntariado, que organizou a Asociación Española contra o Cancro na Coruña.
Segundo remarcou o conselleiro, o acompañamento dos voluntarios da AECC nos hospitais, nas unidades de día e mesmo nos fogares dos pacientes, serve para dar forza e consolo a quen máis o precisa.
Son máis de 800 voluntarios que, con apoio emocional e información útil, crean un espazo seguro no que os pacientes poden sentirse comprendidos e escoitados. Sen dúbida -proseguiu o conselleiro- un labor profundamente humano que merece o recoñecemento por parte do Executivo galego.
A entrega destes voluntarios é un dos piares sobre os que se sostén a actividade da AECC, ademais de constituír un apoio esencial para a Consellería de Sanidade ao posibilitar coñecer mellor as necesidades reais das persoas que afrontan un proceso oncolóxico.
O conselleiro expresou a súa honra polo recoñecemento concedido pola AECC, ao considerar que o seu departamento e esta asociación contan con obxectivos comúns e a mesma vontade de mellorar a vida das persoas.
Neste sentido, Gómez Caamaño destacou proxectos como Carrito Don Amable no Centro Oncolóxico de Galicia ou as visitas ás unidades de día, como exemplos de pequenos xestos que teñen un impacto enorme no benestar emocional dos pacientes.
Tamén referiu o máximo responsable do Sergas o valioso papel dos voluntarios na Unidade de Coidados Paliativos do Hospital Marítimo de Oza, acompañando a pacientes e familiares.
Para o conselleiro, todas estas iniciativas son a proba de que a Asociación Española contra o Cancro combate a enfermidade desde a primeira liña e desde todos os ángulos, da man da ciencia e da prevención, pero tamén con corazón para ofrecer un coidado integral.
Medidas do Goberno galego
Segundo Gómez Caamaño, todo o traballo que está a facer a AECC encaixa á perfección co esforzo que realiza a Xunta na loita contra o cancro, prioridade sanitaria de primeira orde para o Executivo galego.
O conselleiro citou os programas de prevención e cribados postos en marcha polo seu departamento, así como o equipamento de última tecnoloxía e as terapias máis avanzadas para mellorar as oportunidades de cada paciente.
Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño reivindicou e agradeceu o traballo que fai a AECC, ao que considera aliado imprescindible da Xunta de Galicia.