O Servizo Galego de Saúde publica a resolución do concurso de traslados do ano 2025 para a provisión de prazas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos

Neste ciclo resultan adxudicatarios de destino 1.226 participantes

A categoría con máis adxudicacións é enfermería, cun total de 523 prazas adxudicadas

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que resolve, con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

Este é o oitavo ciclo deste proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e, en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

Participaron neste concurso de traslados un total de 3.306 profesionais pertencentes a 78 categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos e adxudícanse, con carácter definitivo, 1.226 destinos, o que supón unha porcentaxe do 37 % sobre a totalidade de admitidos.

A categoría con máis adxudicacións é a de enfermaría, cun total de 523 destinos adxudicados, seguido da categoría de categoría de médico de familia con 141 adxudicatarios.

Outras categorías cun número elevado de adxudicacións son: técnico en coidados auxiliares de enfermaría (96), persoal de servizos xerais (85), enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía (36) e grupo auxiliar da función administrativa (33).

Tendo en conta a porcentaxe de adxudicación por categoría, cómpre destacar que foi máis alta na categoría de médico de urxencias hospitalarias na que participan tres profesionais, resultando os tres adxudicatarios, seguida de varias categorías de oficios na que participaron 74 profesionais e resultan adxudicatarios 67 persoas, o que supón unha porcentaxe do 90 %.

Na categoría de facultativo especialista en atención primaria participaron 35 profesionais, resultando adxudicatarios 25, o que supón unha porcentaxe do 71 %M; e na categoría de facultativo especialista de área participaron 82 profesionais, sendo adxudicatarios 55, o que resulta unha porcentaxe do 67 %.

Do total de profesionais adxudicatarios neste concurso de traslados, 179 proceden de fóra de Galicia, dos cales 51 xa están traballando provisionalmente en centros sanitarios da comunidade na situación de comisión de servizos.

Do total de profesionais que acadan destino neste concurso, un total de 907 obteñen un dos cinco primeiros destinos solicitados, o que supón unha porcentaxe do 74 %; e 613 profesionais obteñen o primeiro destino solicitado neste concurso. En consecuencia, un 50 % dos profesionais acadou destino na súa primeira opción de preferencia.

Por estamentos, adxudícanse 250 destinos a persoal licenciado sanitario, 585 a persoal diplomado sanitario, 148 da persoal sanitario de formación profesional e 243 a persoal de xestión e servizos.

Por áreas sanitarias, A Coruña e Cee; Santiago de Compostela e Barbanza; e Vigo son as que incorporarán o maior número de profesionais, cun total de 249, 216 e 186, respectivamente.

Toma de posesión

O persoal que obteña praza neste proceso e que estea a prestar os seus servizos no Servizo Galego de Saúde, agás na categoría de médico de familia de atención primaria, deberá cesar o primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

 A toma de posesión do novo destino obtido neste concurso de traslados debe efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cese se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde. No prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.

Estes prazos son os recollidos no artigo 30, apartado 2) do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

Coa publicación desta resolución definitiva e a incorporación dos profesionais aos destinos adxudicados, dáse por finalizado o ciclo anual de concurso de traslados do ano 2025 para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

De forma excepcional, por necesidades de carácter organizativo e para garantir unha axeitada continuidade asistencial na atención primaria, ao coincidir a tramitación deste concurso coa fase final do proceso selectivo de médico de familia de primaria, os médicos de familia deste nivel asistencial que obteñan praza neste concurso na mesma categoría deberán cesar na que, de ser o caso, desempeñen, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución pola que se efectúe o nomeamento como estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo aos seleccionados para o ingreso na categoría de médico de familia de primaria.

De igual forma, os médicos de familia de atención primaria que estean a prestar os seus servizos no Sistema público de saúde de Galicia cesarán o primeiro día hábil seguinte a aquel en que se publique no Diario Oficial de Galicia a resolución de finalización do referido proceso selectivo.

Data de actualización: 01/12/2025