A Xunta avanza na construción dunha glorieta na estrada LU-530 no acceso á Fonsagrada, executada nun 40%
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos e indicou que se prevé que estean rematados no mes de abril
A Fonsagrada (Lugo), 1 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia avanza na construción dunha glorieta que ordenará o tráfico no acceso á Fonsagrada pola estrada autonómica LU-530. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos e indicou que están executados nun 40% e a previsión é que rematen o vindeiro mes de abril.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste preto de 220.000 euros nesta actuación, que servirá para ordenar os fluxos circulatorios no arranque da zona urbana. É un punto de notable densidade de tráfico no que conflúen tres estradas autonómicas: a travesía da LU-530 (avenida de Galicia), que conecta a localidade con Baleira, Castroverde e Lugo; a LU-730 (rúa Maior) e a LU-740, que se afasta do núcleo cara a Vilardíaz.
A glorieta ten un diámetro exterior de 30 metros, con beirarrúas, e a parte central será axardinada con céspede artificial. Estará iluminada cunha columna cilíndrica de aceiro inoxidable de 12 metros de altura, equipada con catro proxectores rectangulares con luminarias de tecnoloxía LED.
Ademais, lévanse a cabo outras actuacións complementarias na zona, como o acondicionamento do ramal de acceso ás vivendas da marxe Este da LU-730, no que se incorporan beirarrúas, cinco prazas de aparcamento e iluminación LED. Igualmente, habilítase un espazo de parada fronte ao hotel existente na contorna, con enlace directo á rotonda.
Arias afirmou que o obxectivo principal é incrementar a seguridade e a funcionalidade da estrada para os usuarios, pero tamén se deseñou coa intención de mellorar a estética neste punto de entrada e saída da Fonsagrada, situado na traza do Camiño Primitivo.
A maiores, nestas primeiras fases da obra colaborouse na renovación da rede de abastecemento e saneamento municipal, que presentaba un estado moi deteriorado e danos que mesmo impedían o normal desenvolvemento dos traballos na vía.