Medio Rural destaca a colaboración público-privada na loita contra os incendios na presentación de equipos aéreos punteiros cedidos á Xunta por Abanca

A conselleira María José Gómez participou hoxe na presentación de tres sistemas de última xeración, que permiten traballar en remoto e que complementarán os recursos autonómicos nas tarefas de vixilancia, prevención e defensa fronte ao lume

Os equipos están compostos por un dron e a súa base de operacións, incorporan tecnoloxía punta de orixe galega e utilizaranse por primeira vez na defensa do monte na nosa comunidade o vindeiro ano

Os sistemas operan cunha estación fixa e situaranse en tres puntos do territorio galego con elevado risco de incendios: as comarcas de Valdeorras, Verín e Ribeira Sacra

Nogueira de Ramuín (Ourense), 2 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a importancia da colaboración público-privada e da implicación de toda a sociedade na loita contra os incendios forestais. Foi na presentación

dos equipos de vixilancia aérea avanzada a través de drons que Abanca e Afundación cederán á Xunta o vindeiro ano para a prevención e defensa fronte aos incendios forestais, acto que tivo lugar hoxe no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e no que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Na presentación tamén participaron Gabriel González Eiroa, director xeral Comercial de Abanca, e Carlos Calvo, CEO do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).

Estes medios, que teñen como característica destacada a posibilidade de traballar en remoto, complementarán os recursos autonómicos nas tarefas de prevención e defensa fronte ao lume. Así, Abanca e Afundación facilitarán un total de tres equipos ao longo do ano 2026, compostos por un dron e a súa base de operacións, que incorporan tecnoloxía punta de orixe galega e que se utilizarán por primeira vez na defensa do monte na nosa comunidade. A conselleira salientou que estes equipos non só reforzan o sistema de vixilancia fronte os lumes, senón que permiten incorporar “tecnoloxía punteira desenvolvida en Galicia, o que exemplifica o posición da nosa comunidade na vangarda tecnolóxica neste eido”, destacou.

Os equipos operan cunha estación fixa e situaranse en tres puntos do territorio galego con elevado risco de incendios: as comarcas de Valdeorras, Verín e Ribeira Sacra. Estes emprazamentos foron determinados de xeito coordinado coa Xunta, procurando maximizar a capacidade de prevención nas zonas máis sensibles. Por iso, Gómez fixo fincapé en que esta nova incorporación servirá para seguir reforzando un dispositivo que é “dos mellores de Europa”.

Demostración dos equipos

Neste acto de presentación levouse a cabo unha simulación de voo dos equipos, co fin de dar a coñecer, polo miúdo, o seu funcionamento e vantaxes técnicas. En concreto, trátase do modelo DroneSafeBox da empresa galega ITG DroneSolutions, considerado de última xeración e que permite a execución de voos automáticos de vixilancia de forma autónoma e desatendida, de modo que a intervención humana que requiren é mínima.

Contan con estación meteorolóxica e inclúen soporte técnico especializado, totalmente integrado nos sistemas da Dirección xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, de modo que complementarán os recursos dos que xa dispón a Xunta, especialmente naquelas zonas con falta de cobertura para as cámaras do sistema de videovixilancia forestal.

Rede de videovixilancia

Esta rede de cámaras, implantada no 2018, ten por finalidade facilitar as tarefas de vixilancia do monte galego e a detección temperá de incendios, así como a súa avaliación, en tempo real, a través do sinal recibido nos diferentes centros de coordinación. Desde a súa posta en marcha, case triplicou o número de cámaras e localizacións, pois inicialmente estaba formada por 88 dispositivos en 44 puntos diferentes e en breve alcanzará as 237 cámaras en 109 puntos, cun investimento de máis de 5,5 millóns de euros ata o día de hoxe. Así mesmo, a esta rede súmanse tamén os drons empregados polos axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2025