Villaverde reúnese con Agacomar para analizar a situación da cadea de comercialización e depuración dos produtos do mar

A xuntanza enmárcase nos contactos permanentes que a Consellería do Mar mantén con representantes do sector

Aposta por fortalecer a cadea mar-industria mediante melloras en trazabilidade, control sanitario, innovación e promoción dos produtos galegos

Salientou a importancia de seguir avanzando na modernización dun sector estratéxico para a economía mariña galega

Santiago de Compostela, 2 de decembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse hoxe con representantes da Asociación Galega de Comercializadores de Marisco (Agacomar) para abordar cuestións relacionadas coa actividade comercializadora, depuradora e transformadora de produtos do mar. No encontro analizáronse retos vinculados á competitividade do sector, ás esixencias normativas e ás novas demandas do mercado.

Durante a reunión, que se enmarca nos contactos permanentes que a Consellería mantén con representantes do sector, Villaverde destacou o papel esencial das empresas comercializadoras e depuradoras na cadea mar-industria, tanto na seguridade alimentaria como na posta en valor dos produtos galegos. Subliñou que o fortalecemento deste sector contribúe á creación de emprego, á fixación de poboación no litoral e á mellora da posición de Galicia nos mercados nacionais e internacionais.

A conselleira puxo en valor a aposta da Xunta por mellorar a trazabilidade, reforzar os controis sanitarios, impulsar a innovación e facilitar o desenvolvemento de investimentos que permitan avanzar en eficiencia e sustentabilidade. Destacou, tamén, o papel das empresas asociadas a Agacomar como parte fundamental dun sector en continua evolución.

Villaverde lembrou, ademais, que o sector da depuración viuse especialmente reforzado nos dous últimos anos, ao beneficiarse de máis de 940.000 euros en axudas destinadas a industrias de transformación, un apoio que está a permitir acometer melloras en equipamentos, procesos e tecnoloxías que incrementan a calidade e competitividade dos produtos galegos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/12/2025