Arias destaca a colaboración da Xunta e as entidades sociais pola inclusión das persoas con discapacidade

Lugo, 3 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe en Lugo na iniciativa Baixo o mesmo paraugas, promovida na cidade pola Asociación Española contra o Cancro, pero que secundan máis dun cento de  entidades sociais en toda a comunidade para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

Arias destacou o traballo conxunto que desenvolven o Goberno galego e o tecido social  para consolidar unha rede de servizos próxima e eficaz. Neste sentido, sinalou que o vindeiro ano a Xunta destinará preto de 191 millóns de euros, un 8,5% máis que este ano, para atención á discapacidade.

Ademais, a Xunta incrementará o financiamento das prazas concertadas coas entidades, facendo así fronte aos incrementos salariais derivados do convenio colectivo. Deste xeito, o Goberno galego seguirá garantindo a calidade dos servizos e as condicións dos traballadores, despois de impulsar no 2024 un concerto social que contaba cun investimento un 30% superior ao anterior.

Xuntos pola inclusión

O delegado territorial asistiu tamén hoxe á presentación da xornada Xuntos pola inclusión, que organizan a Fundación Breogán e Cafés Candelas conxuntamente para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

O evento terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o próximo 10 de decembro, entre as 10 e as 14 horas. Está aberto a todas as asociacións lucenses e inclúe distintas atraccións infantís e a actuación do Mago Rafa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2025