Educación pon a disposición dos centros educativos un novo manual de axuda sobre educación emocional para unha mellor atención ao alumnado con TEA
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliña que o reforzo da atención á diversidade é unha das prioridades do Goberno da Xunta
Lembra a posta en marcha de medidas pioneiras como a ponderación do alumnado con necesidades a efectos de ratios ao abeiro do Acordo de mellora de 2023 e o reforzo con 150 profesionais máis de atención á diversidade este curso
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2026
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de poñer a disposición dos centros educativos un manual de axuda sobre educación emocional para unha mellor atención ao alumnado con TEA (Trastorno do Espectro Autista), que complementa o Protocolo de actuación vixente para estes casos. Así o sinalou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da inauguración dunha xornada de formación sobre atención á diversidade que congrega en Santiago a preto de 300 asistentes, entre docentes de todas as etapas educativas, orientadores e especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe.
Román Rodríguez asegurou que este manual é un paso máis no apoio ao labor docente dentro da aula para asegurar unha mellor atención a cada alumno de forma que se aproveiten e se desenvolvan “todas as súas potencialidades”, tendo en conta as circunstancias particulares de cada un. Neste senso, o conselleiro subliñou que a atención á diversidade é “unha das prioridades do Goberno da Xunta en materia educativa” para blindar un sistema educativo de calidade, máis xusto e equitativo e que garanta a igualdade de oportunidades.
A este fin responden as medidas postas en marcha polo Goberno galego nos últimos anos, algunhas delas pioneiras a nivel nacional como a ponderación do alumnado con necesidades á hora de conformar grupos, acordada en 2023 coas organizacións sindicais e que agora quere ser imitada no resto de España. Ademais, ao abeiro do Plan de Atención á Diversidade 2026-30, este curso incorporáronse ás aulas 150 docentes de reforzo a maiores en Secundaria, a razón de 100 especialistas en Pedagoxía Terapéutica e 50 orientadores. A maiores, consolidáronse 200 destes profesionais en Infantil e Primaria.
Estas actuacións concretas inxírense nun amplo paquete con outras de formación, actualización normativa, revisión de estruturas e redución de burocracia para avanzar nun ensino plenamente inclusivo. De feito, no novo Marco de impulso educativo, a igualdade de oportunidades é un dos eixes estratéxicos de actuación, e nel intégranse novas accións para reforzar a atención á diversidade.
Cómpre lembrar que o sistema educativo galego é o máis inclusivo de España, co 94,2% do alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios fronte ao promedio estatal situado no 85,7%.
Acollida ao alumnado con TEA no centro e na aula
O novo manual de axuda para o alumnado con TEA que está a disposición dos centros está configurado coma un documento de apoio ao marco xeral de actuación que establece o Protocolo vixente para os alumnos con esta condición no que atinxe a procedementos e medidas organizativas, entre outras.
O manual ofrece orientacións concretas ao profesorado e aos centros desde a perspectiva do benestar emocional destes alumnos. Nel recóllense indicacións e exemplos prácticos tanto para a abordaxe no conxunto do centro escolar como dentro da aula, nos espazos de lecer e noutros espazos de uso como pode ser a biblioteca ou o comedor escolar, entre outros. Inclúense, por exemplo, recomendacións para o proceso xeral de acollida a estes alumnos, a súa entrada na aula, programación e estratexias didácticas, o deseño de espazos inclusivos no tempo de lecer no patio, con metodoloxías de xogo axeitadas ou o fomento das relacións sociais, por exemplo.