Medio Rural pon en valor a Escola de Pastores como aposta pola formación e a remuda xeracional no sector gandeiro

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu hoxe ao acto de peche desta actividade formativa, que tivo lugar no concello de Vilariño de Conso

A iniciativa, impulsada por AGACAL coa colaboración de OVICA, a Fundación “la Caixa” e o Inorde, permitiu formar a 25 estudantes matriculados, combinando 250 horas de formación en aptitude empresarial agraria con 320 horas de formación práctica

Vilariño de Conso (Ourense), 3 de outubro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe ao acto de peche da primeira edición da Escola de Pastores de Galicia, celebrado no colexio público de Vilariño de Conso, no que se fixo entrega dos diplomas ao alumnado que completou esta formación. Na súa intervención, o director puxo en valor a boa acollida desta formación, que contou con 25 alumnos e alumnas seleccionados entre as 44 solicitudes recibidas, e destacou a importancia de iniciativas deste tipo para “favorecer a remuda xeracional e contribuír á profesionalización do sector agrogandeiro”.

A Escola de Pastores é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), coa colaboración da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), a Fundación “la Caixa” e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Neste contexto, Alemparte salientou que este proxecto representa un “exemplo de colaboración entre a Administración, o sector e outras entidades para dar resposta ás necesidades reais do campo galego”, cun modelo formativo que combina coñecemento, experiencia práctica e contacto directo coa realidade das explotacións.

O acto de peche reuniu representantes institucionais, profesionais e participantes da escola nunha xornada de balance e intercambio arredor da experiencia desta primeira edición e dos retos de futuro do sector.

Formación para traballar ou emprender

A iniciativa desenvolveuse entre os meses de marzo e xullo e o programa formativo incluíu, en primeiro lugar, un Curso de Aptitude Empresarial Agraria en gandaría extensiva de ovino e caprino de 250 horas ofrecido pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria para obter unha titulación oficial habilitante. Por outro lado, incorporou formación específica en ámbitos directamente ligados á actividade gandeira, como a agrotecnoloxía, a produción de forraxes e a alimentación do gando, ademais do manexo e a produción de gando extensivo. Todo isto, cun equipo docente “integrado por profesionais e especialistas nos diferentes ámbitos, que impartiron formación nas materias relacionadas coa súa propia actividade profesional”, destacou o director.

Ademais, o programa conta con 320 horas de formación práctica, coordinadas por OVICA, que incluíron visitas técnicas, sesións prácticas e estancias en explotacións gandeiras, ademais do deseño dun proxecto propio de empresa agraria.

Data de actualización: 03/10/2026