Miguel Corgos destaca que a solvencia financeira de Galicia avala á comunidade como polo de atracción de talento e de investimento empresarial
A Xunta pon en valor a estabilidade política e económica galega para achegar seguridade á cidadanía
As axencias de cualificación crediticia Moody’s e S&P acaban de mellorar a cualificación da Comunidade galega, situándoa entre as mellor valoradas
O Goberno galego ofrece axudas a emprendedores e empresas para acompañar e apoiar o desenvolvemento dos seus proxectos
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe que a solvencia financeira de Galicia avala á Comunidade como polo de atracción de talento e de investimento empresarial. Fíxoo durante a súa participación no almorzo coloquio da CEG co presidente do ICO onde explicou que ao complexo contexto socioeconómico mundial súmase en España un Goberno que se achega á terceira prórroga consecutiva dos Orzamentos.
Porén, son as Administracións as que teñen que proporcionar estabilidade e iso é o que trata de facer a Xunta, co que se coñece como ‘Estilo Galicia’, engadiu Miguel Corgos, xa que a estabilidade política e económica da Comunidade axuda a achegar seguridade á cidadanía e ás empresas. Esta estabilidade “permítenos medrar de xeito sostido dende a pandemia”, cunha taxa de paro que se achega aos mínimos históricos e cun grande dinamismo no exterior, “batendo cada ano récords en exportacións, estabilizadas por riba dos 30.000 M€ anuais”.
Son valoracións nas que coinciden tamén axentes externos, como as axencias de cualificación crediticia Moody’s e S&P, que nas últimas semanas melloraron a cualificación da Comunidade galega, situándoa entre as mellor valoradas. A boa cualificación de Galicia reflicte o bo desempeño orzamentario da Comunidade. Estes organismos recoñecen así o desempeño da economía galega, cun crecemento do PIB en liña co de España e superando a media da Eurozona. Estes datos confirman, ademais, o que xa dicía o Goberno galego, non existe un problema de débeda e a chamada condonación sería un mal negocio para Galicia.
O responsable da Facenda galega lembrou que dispoñer dunhas contas que non dependen do endebedamento e que se nutren case por completo de recursos ordinarios posibilitan manter o esforzo inversor e tamén “pagar de xeito dilixente aos nosos provedores”.
Acompañar e apoiar a emprendedores e empresas
Neste contexto de estabilidade, o Goberno galego pode contribuír á competitividade das empresas, ofrecendo un reforzo na innovación e na capacidade para atraer e reter talento, así como apostando pola simplificación e axilización de trámites burocráticos, o que redunda na posibilidade de atraer un maior número de empresas altamente competitivas, preparadas para os desafíos da transición ecolóxica e dixital.
Miguel Corgos lembrou que a Xunta ofrece unha “ampla batería de axudas” para que os emprendedores e empresas estean acompañados durante todo o desenvolvemento do seu proxecto, con instrumentos financeiros e liñas de apoio mediante préstamos directos para facer viables as ideas de autónomos e pemes.
O conselleiro de Facenda anunciou a posta en marcha dunha rede de fomento do emprendemento baseada na colaboración público-privada, unha “estrutura estable de coordinación”, presente en todo o territorio, para que calquera persoa, especialmente do rural ou de zonas despoboadas, poida acceder á formación, o acompañamento ou o financiamento preciso para levar a cabo o seu proxecto.
Para Miguel Corgos son estes esforzos os que permitiron o recoñecemento de Galicia como Rexión Europea Emprendedora en 2025, “seremos máis ‘Galicia Calidade’ se conseguimos sumar novas iniciativas e proxectos que favorezan a riqueza e o benestar na nosa comunidade autónoma”, concluíu.