A Xunta enxalza as accións que visibilizan as habilidades das persoas con discapacidade e fomentan unha sociedade comprometida coa inclusión
A directora xeral de Promoción da Igualdade sinalou que as entidades sociais son un piar fundamental á hora de avanzar na integración social
Boiro (A Coruña), 3 de decembro de 2025 A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou hoxe no festival da inclusión Festiritititi que organiza cada ano a entidade Amicos no marco do Día Internacional das persoas con discapacidade. Un evento que pon o foco na visibilidade ao tempo que se promove unha sociedade máis comprometida coa inclusión, máis xusta e igualitaria.
Nesta celebración participaron persoas de Amicos, acompañadas por familiares e amizades; e alumnado e profesorado de dez centros da comarca do Barbanza. Houbo xogos tradicionais, diferentes animacións e obradoiros para gozar dun dos eventos máis agardados da entidade. Deste xeito, Quintiana agradeceu o labor que desenvolven cada día para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e para promover uns valores que constrúan unha Galicia Calidade en igualdade de oportunidades para todas e todos.
Neste sentido, a directora xeral reiterou o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade e agradeceu o traballo que realizan día a día as entidades sociais, que son un piar fundamental á hora de avanzar na inclusión plena e na sensibilización de toda a poboación