A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, respondeu hoxe unha interpelación no Pleno do Parlamento

Lorenzana advirte dunha corrente de negacionismo industrial contra os proxectos que aproveitan os recursos naturais en Galicia

Critica o real decreto que regula as repotenciacións eólicas porque faranse “con subvencións ás eléctricas”

Denuncia que mentres a Xunta de Galicia obriga ás eléctricas a que cos seus beneficios modernicen parques reducindo o impacto ambiental e aumentando a produción de enerxía, o Goberno “quere que o paguemos todos os cidadáns”

Cualifica de “tomadura de pelo” o borrador da nova planificación da rede eléctrica porque, dun total de 13.122 millóns de euros, a Galicia tan só lle corresponderían en torno a 350 millóns

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, advertiu hoxe dunha “corrente de negacionismo industrial” por parte da oposición, que considerou unha estratexia política contra os proxectos que desexan implantarse na Comunidade e aproveitan os recursos naturais de Galicia.

A aprobación destes proxectos “en ningún caso supón ningunha relaxación doutro tipo de normas ambientais ou sectoriais”, remarcou en resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento. Lorenzana indicou que ditos proxectos están amparados pola Lei de recursos naturais de Galicia, que exixe compromisos adicionais aos promotores, como mecanismos de reinvestimento dos beneficios obtidos.

Na mesma liña, para a declaración dun proxecto industrial como estratéxico, abondou, avalíase o investimento, o número de empregos creados, o sector industrial ao que pertence ou se teñen unha incidencia territorial, económica e social que transcende o ámbito municipal.

Suspenso á política industrial do Goberno

Na súa comparecencia, Lorenzana criticou a política industrial do Goberno central e, en concreto, referiuse ao real decreto que vén de aprobar para regular as repotenciacións eólicas porque, dixo, faranse “con subvencións ás eléctricas”. “Xa podemos dar por seguro que o Goberno vai subvencionar as repotenciacións cos impostos de todos os españois”, aseverou.

Segundo dixo, “mentres a Xunta de Galicia obriga ás eléctricas a que cos seus beneficios procedan a repotenciar parques aforrando no impacto ambiental e aumentando a produción de enerxía eléctrica, en cambio, o Goberno quere que o paguemos todos os cidadáns”, argumentou.

A conselleira tamén contrapuxo a normativa galega en materia industrial co Proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica do Executivo central, que emprega esta figura pero sen especificar limiares de investimento, emprego creado, sectores, viabilidade técnico-económica, “nin nada máis alá de pura discrecionalidade”, dixo. “E incluso sen tempo para que a comunidade autónoma que terá que tramitar despois o proxecto poida comprobar realmente que o proxecto cumpre algún requisito”, sinalou Lorenzana.

É un proxecto de lei que, no caso de que chegue a aprobarse -engadiu- afectaría directamente ás competencias autonómicas, precisamente, porque trata de regular o que son proxectos industriais estratéxicos. Ademais, indicou que non dá resposta real a aquelas cuestións nas que de verdade o Estado debe modificar a normativa, como aos problemas de interconexión eléctrica ou coa situación crítica da industria electrointensiva, concluíu.

Ao respecto, cualificou de “tomadura de pelo” o borrador da nova planificación da rede eléctrica porque, dun total de 13.122 millóns de euros, a Galicia tan só lle corresponderían en torno a 350 millóns de euros, un 2,7 por cento, e vai dar lugar á desindustrialización da provincia de Lugo durante a próxima década.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2025