A Xunta gaba o esforzo do concello de Sanxenxo para manter e reforzar os usos educativos e sociais do antigo Colexio do Cruceiro

O conselleiro de Educación visita o novo Centro de Formación Dual que se sitúa nestas instalacións, xunto cunha biblioteca e un centro para maiores

Acolle os alumnos do ciclo básico de FP Dual en Cociña e restauración, que vai xa pola cuarta edición e goza dun gran éxito polo seu vencello co sector turístico

Sanxenxo (Pontevedra), 4 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe as instalacións do novo Centro de Formación Dual de Hostalería e Restauración de Sanxenxo, situado nas instalacións antes ocupadas polo Colexio O Cruceiro.

No seu percorrido polas instalacións, o titular do departamento educativo do Goberno galego gabou o esforzo do Concello de Sanxenxo “para manter e reforzar os usos educativos e sociais deste edificio de 1.820 m², cunha situación estratéxica que o moi accesible aos veciños”, dixo.

No ámbito educativo, este espazo vén facilitar ao ciclo de FP Dual de grao básico en Cociña e restauración, adscrito ao IES de Vilalonga, unhas instalacións renovadas e dotadas dun completo equipamento, con aulas e talleres de cociña e de bar, entre outros.

“Estamos a falar dun ciclo moi consolidado, que vai xa pola súa cuarta edición, con 17 alumnos este curso, e que goza dun gran éxito pola súa estreita vinculación ao sector turístico, de gran relevancia neste concello”, explicou o conselleiro. “Estou seguro de que a este novo centro lle espera un futuro moi prometedor”, afirmou.

Despois de que o departamento educativo da Xunta decidira construír un novo edificio para o CEIP Plurilingüe Cruceiro, cun investimento de 5,2 M€, o Concello de Sanxenxo optou por aproveitar as súas antigas instalacións para facer un centro cívico dotado de Centro de Formación Dual de Hostalaría e Restauración, biblioteca para o uso diario da veciñanza e centro social para maiores. A obra de rehabilitación contou cun orzamento de 2,8 M€ a través do Concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2025