A Xunta pon en valor os 40 anos do instituto de Teis ofrecendo unha ampla oferta formativa
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participa na conmemoración do aniversario do centro, que conta con case 1.400 estudantes
Vigo, 4 de decembro de 2025
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, asistiu hoxe á celebración do 40 aniversario do Instituto de Teis, un centro da Xunta que “segue superando retos, crecendo e dando a mellor formación ao seu alumnado”, sinalou. De feito, o instituto vigués ampliou a súa oferta, incorporando ensinanzas de Bacharelato e reforzando as familias de FP de Imaxe Persoal e Informática e Comunicacións.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que o centro atende hoxe case 1.400 estudantes, apoiados por un claustro de 130 docentes, e ofrece ensinanzas de ESO, tamén para persoas adultas, así como Bacharelato de Ciencias, Tecnolóxico e de Humanidades e Ciencias Sociais. Subliñou ademais que o Instituto de Teis é “un centro de referencia en inclusión educativa, clave no acompañamento de alumnado doutros países ou en situación de vulnerabilidade”.
En materia de FP, a directora xeral puxo en valor a amplitude dos programas impartidos, facendo referencia ás novas incorporacións como os cursos de especialización en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información, Intelixencia Artificial e Big Data e Desenvolvementos en Aplicacións con Linguaxe Python. “Estas actualizacións responden ás necesidades dun mercado laboral cada vez máis esixente, dando máis oportunidades ao alumnado para a súa inserción profesional”, engadiu.
Liderado de Vigo en FP
De feito, a boa evolución da FP “non é un feito illado -remarcou a directora xeral- deste centro, senón que é algo que vive toda a área de Vigo”. Esta zona continúa sendo a de maior demanda de Galicia, con 18.686 matriculacións neste curso, un incremento próximo ao 3% respecto ao ano anterior.
A representante da Consellería agradeceu o compromiso dos profesionais do centro, “cuxo labor garante que a mocidade conte coas ferramentas necesarias para desenvolverse nunha sociedade en transformación”. Felicitou, ademais, a toda a comunidade educativa pola súa implicación e recoñeceu que “cada unha das persoas que pasou por aquí forma parte da historia colectiva que hoxe celebramos”.