A Xunta promociona na montaña de Lugo os beneficios dos produtos do mar
Becerreá (Lugo), 7 de decembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este domingo na XVII Festa do Mexillón de Becerreá, co fin de seguir impulsando e poñendo en valor por toda a xeografía galega os produtos do mar e as súas bondades nutricionais.
A Administración autonómica colaborou, unha edición máis, co desenvolvemento desta iniciativa, “que permitiu saborear o mar desde a montaña”, ofrecendo aos asistentes a oportunidade de desfrutar deste molusco bivalvo presentado e preparado con diferentes receitas. Deste xeito, grazas ao apoio da Xunta, a cita gastronómica consolídase como un reclamo turístico para a comarca dos Ancares nesta ponte da Constitución, reforzando a oferta cultural e lúdica que ofrece a entidade local nestas datas.