A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe o curso académico da cátedra de internacionalización “Luis Fernández Somoza” da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña
Lorenzana apela a unha tripla alianza entre o público, o privado e a sociedade para impulsar o modelo enerxético e industrial de Galicia
“No Goberno de Galicia somos conscientes de que é necesario que manteñamos unha postura valente, pero non podemos sos”, di.
“O reto, que é compartido co tecido produtivo, é transmitir, explicar e facer que a cidadanía perciba cada proxecto como propio”, indica
Sinala a importancia de xerar seguridade xurídica, política e social para non disuadir as empresas de facer investimentos
A Coruña, 5 de decembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, manifestou hoxe que a visión que inspira a política económica da Xunta é xerar unha tripla alianza estable entre o público, o privado e a sociedade para impulsar o modelo enerxético e industrial de Galicia, baseado na sustentabilidade, a dixitalización e a internacionalización.
Na súa intervención na inauguración do curso académico da cátedra de internacionalización “Luis Fernández Somoza” da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Lorenzana chamou a evitar que cale a mensaxe dos negacionismos industriais. “No Goberno de Galicia somos conscientes de que é necesario que manteñamos unha postura valente, pero non podemos sos”, dixo. “O reto, que é compartido co tecido produtivo, é transmitir, explicar e facer que a cidadanía perciba cada proxecto como propio”.
Neste contexto, Lorenzana sinalou a importancia de xerar seguridade xurídica, política e social para non disuadir as empresas de facer investimentos. Segundo dixo, a Xunta, máis ben, está despregando políticas que as integran na planificación económica a través de medidas como os plans directores, deseñados coas principais asociacións sectoriais, pero tamén coas principais empresas; os acordos de investimento, orientados a captar capital, promover emprego de calidade e fortalecer cadeas de valor estratéxicas; os programas de innovación empresarial, nos que empresas, centros tecnolóxicos e administración traballan de forma conxunta para transformar procesos produtivos; ou os acordos de asociación no marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo.
“O investimento público só xera efectos multiplicadores significativos cando mobiliza investimento privado”, subliñou, para destacar que Recursos de Galicia constitúe un exemplo claro de como unha sociedade público-privada pode actuar como ponte entre a Administración, as empresas e a cidadanía.
Lorenzana concluíu defendendo a colaboración e o traballo coordinado entre empresas e Administración. “Non pode existir unha parcela pública e outra privada, o mundo xa non funciona así”, concluíu.