A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e as organizacións sindicais da Mesa Sectorial reuníronse no edificio administrativo de San Lázaro

A Mesa Sectorial de Sanidade ratifica o acordo sobre a atención primaria e inicia a negociación sobre o procedemento de voluntariedade das gardas

A Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais concretan o alcance da xornada de 35 horas semanais, que se aplicará tamén no ámbito hospitalario a categorías como facultativo especialista de área

Compensaranse os festivos en sábado do mesmo xeito que se establece para o persoal da Administración Xeral da Xunta

As entidades adscritas á Consellería de Sanidade identificarán ao persoal con xornada semellante e ás que se lles poida aplicar as mesmas melloras comprometidas para o Servizo Galego de Saúde

O procedemento de voluntariedade ten por obxecto garantir a cobertura asistencial dos puntos de atención continuada

Na reunión de hoxe tamén se informou das próximas publicacións das convocatorias dos concursos específicos para o ingreso nas categorías estatutarias de persoal enfermeiro especialista en enfermería xeriátrica e na de persoal médico de hospitalización a domicilio

Presentouse o proxecto de decreto de difícil cobertura, que incluirá 100 prazas nas categorías de pediatra de atención primaria e de facultativo especialista de área, médico de hospitalización a domicilio e médico de urxencias para os comarcais

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2025

A Mesa Sectorial de Sanidade ratificou hoxe o acordo asinado o 24 de novembro co comité de folga de atención primaria e iniciou a negociación sobre o procedemento de voluntariedade das gardas.

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e as organizacións sindicais que compoñen a Mesa Sectorial reuníronse esta mañá no Edificio Administrativo de San Lázaro.

Na xuntanza concretouse o alcance do acordo sobre a xornada ordinaria de 35 horas semanais, que será de aplicación tamén no ámbito hospitalario ao persoal da categoría de facultativo especialista de área e outras similares en canto á xornada ordinaria, como o persoal médico de admisión e documentación clínica.

Ademais, compensaranse as festividades que coincidan en sábado para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde que teñan xornada ordinaria de 35 horas á semana, seguindo as indicacións que cada ano dite a Xunta sobre o número de días libres do persoal da Administración Xeral.

Do mesmo xeito, a Consellería de Sanidade comunicará este acordo da mesa sectorial aos órganos de dirección de entidades adscritas que contan con persoal estatutario para que identifiquen colectivos cun réxime de xornada semellante e poidan promover a aplicación efectiva destas melloras, coa correspondente negociación cos seus órganos específicos de representación do persoal.

No caso dos puntos de atención continuada, iniciouse a negociación para a definición e concreción do procedemento de voluntariedade para garantir a cobertura asistencial en atención primaria.

Na Mesa Sectorial de hoxe tamén se informou ás organizacións sindicais das próximas publicacións das resolucións polas que se convocan os concursos específicos para o ingreso nas categorías estatutarias de persoal enfermeiro especialista na especialidade de enfermería xeriátrica (hospitalaria) e na de persoal médico de hospitalización a domicilio do Servizo Galego de Saúde.

Por outra banda, a Administración trasladou á representación sindical o proxecto de decreto de difícil cobertura, que incluirá 100 prazas, nas categorías de pediatra de atención primaria e de facultativo especialista de área, médico de hospitalización a domicilio (HADO) e médico de urxencias, todas nos hospitais comarcais. A selección efectuarase polo sistema de concurso de méritos e manterase o requisito de permanencia de tres anos nas prazas adxudicadas.

Data de actualización: 05/12/2025