A Xunta licita por máis de 1,7 M€ a subministración de máis dun millón de autotest de análise de sangue oculto para o cribado de cancro de colon

O programa de detección precoz de cancro colorrectal da Consellería de Sanidade permitiu identificar ata o ano pasado 2.933 cancros, máis da metade en estadios iniciais

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 31 de decembro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2025

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por 1.778.700 euros, da subministración sucesiva do material necesario para a realización dos test de análise de sangue oculto en feces para o programa galego de detección precoz do cancro colorrectal.

Neste contrato inclúese o material e equipamento necesario para remitir os kits aos domicilios da poboación diana, que son persoas de 50 a 69 anos.

En concreto, 1.050.000 unidades de tubos colectores coas súas correspondentes instrucións de uso, que se prevén utilizar ata 2029; tamén autoanalizadores nos distintos centros analizadores das mostras, polo menos un por área sanitaria.

Igualmente adquírense todos os reactivos, controis, calibradores, cubetas e calquera outro material necesario para a realización dos test.

Ata 2024, o cribado de cancro de colon da Xunta permitiu identificar 2.933 cancros, o 65,81 % deles en estadios iniciais.

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 31 de decembro para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 07/12/2025