A Xunta adxudica por preto de 300.000 euros as obras de reforma da liña de lodos da estación de tratamento de auga potable da Senra, no concello de Cervo
O fin último das actuacións é optimizar o funcionamento da instalación e evitar o exceso de vertidos cara á rede de saneamento municipal, garantindo así a axeitada prestación do servizo de abastecemento á cidadanía existente na contorna
Esta actuación conta con financiamento a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea-NextGenerationUE
Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia adxudicou por un importe de preto de 300.000 euros as obras de reforma da liña de lodos da estación de tratamento de auga potable (ETAP) da Senra, no concello lucense de Cervo. O fin último dos traballos é optimizar o funcionamento da instalación e evitar o exceso de vertidos cara á rede de saneamento municipal co obxectivo de garantir a axeitada prestación do servizo de abastecemento á cidadanía existente na contorna.
As actuacións, que se enmarcan na colaboración coa entidade supramunicipal Consorcio para a xestión e explotación da rede básica de abastecemento aos concellos de Cervo e Burela, teñen un prazo de execución de seis meses e buscan que o funcionamento da ETAP sexa óptimo mediante a instalación dun novo sistema de flotación por aire disolto (DAF) que aumente a capacidade de tratamento, mellore a liña de lodos e reduza os aportes de auga sucia á rede de saneamento do concello de Cervo.
A instalación deste novo sistema DAF para o tratamento da auga require dunha ampliación da sala de lodos -pois as dimensións da actual son insuficientes-, que se estenderá ao espazo actualmente ocupado polos vestiarios e, parcialmente, polo laboratorio, o que implicará a habilitación de novas áreas para estas funcións.
En canto á liña de lodos, ademais de cambiarse o sistema de flotación por aire disolto, instalarase un novo depósito prefabricado de formigón de arredor de sete metros cúbicos de volume que recollerá a auga clarificada procedente do DAF antes de pasala á seguinte fase das canalizacións para o tratamento dentro da ETAP.
Esta actuación conta con financiamento europeo a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea-NextGenerationUE.