A Xunta lémbralles a máis de 200 concellos a obriga de elaborar plans de emerxencias municipais
O deber de contar cos documentos enmárcase no establecido nos plans especiais de protección civil de ámbito autonómico fronte aos principais riscos
O Goberno galego pon á disposición das administracións locais guías e modelos para facilitar o traballo e garantir unha estrutura homoxénea
Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2025
A Xunta vén de enviarlles a máis de 200 concellos unha comunicación para lembrarlles a obriga de elaborar algún dos Plans de Actuación Municipais (PAM) ante emerxencias previstos en función dos riscos identificados en cada territorio. Do total das notificacións remitidas, 60 foron para a provincia da Coruña, 32 para a de Lugo, 62 para a de Ourense e 54 para a de Pontevedra.
A obriga de elaborar os PAM enmárcase no establecido nos plans especiais de protección civil de ámbito autonómico fronte aos principais riscos: incendios forestais (Peifoga), inundacións (Inungal), transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril (Transgal) e establecementos industriais que procesan ou almacenan substancias perigosas (Plans de Emerxencia Exterior)—.
Os documentos deben ser aprobados polo pleno do concello, logo dun período de información pública, e posteriormente deben ser homologados pola Comisión Galega de Protección Civil.
Cómpre lembrar que a Xunta pon á disposicións das administracións locais guías e modelos para o cumprimento desta obriga, co obxectivo de facilitarlles o traballo e garantir unha estrutura homoxénea. Así, os diferentes documentos poden descargarse na web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Tamén se pode consultar información relativa aos diferentes riscos no xeoportal de protección civil
Desde o Goberno galego incídese en que a elaboración e implantación dos plans municipais fronte aqueles riscos detectados no municipio implica reducir os danos en caso de emerxencia, aumentando a resiliencia da poboación exposta e dando unha resposta coordinada, eficaz e eficiente.
Incendios forestais e inundacións
A meirande parte dos avisos refírense á obrigatoriedade de contar cun PAM para o risco de incendios forestais, con 178, dos que 55 foron para Ourense, 50 para a Coruña, outros 50 para Pontevedra e 23 para Lugo. No caso dos PAM para o risco de inundacións, a notificación foi a 31 concellos, dos que 12 están na Coruña, oito en Pontevedra, sete en Ourense e catro en Lugo.
Así mesmo, lembróuselles a obriga de elaborar PAM para o risco no transporte de mercadorías perigosas a 22 municipios, 13 da Coruña e nove de Lugo, e catro localidades, unha da Coruña e tres de Pontevedra, recibiron comunicación para elaborar o PAM para o risco químico.
Por outra banda, a nove concellos, catro na Coruña e cinco en Pontevedra, advertíuselles de que deben contar co Plan de Emerxencias Municipais (PEMU), indicándolles os riscos que deben incluír no caso de que algún Plan especial de Protección Civil da Xunta o estableza.