Chamamento á doazón de todos os galegos e galegas por mor da caída na participación e descenso nas reservas dos grupos sanguíneos

Son precisas doazóns de todos os grupos sanguíneos pero especialmente A Positivo, que se atopa en situación de alerta

ADOS lembra que a necesidade de compoñentes sanguíneos mantense estable tamén en períodos vacacionais, xa que son precisas máis de 400 doazóns de sangue diarias para abastecer aos hospitais galegos

Santiago de Compostela, martes 9 de decembro de 2025

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida á cidadanía galega a participar activamente, ao longo destas datas de Nadal, na campaña especial “Doa Sangue. O mellor agasallo”. A ADOS lembra a necesidade de doar sangue, especialmente nestas xornadas nas que diminuíu a participación dos doantes por mor da vaga de gripe e enfermidades víricas respiratorias. Nestes momentos, o chamamento é xeneralizado á participación de todos os doantes pero, especialmente do grupo A Positivo que se atopa en situación de alerta.

ADOS recorda que, todos os días do ano, precísanse máis de 400 doazóns para cubrir axeitadamente as necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos nosos centros sanitarios.

Cada día, os hospitais galegos atenden unha media de 2.800 urxencias, realizan 800 intervencións cirúrxicas e un transplante de órganos así como realizan 1.600 atencións nos hospitais de día. Unha elevada porcentaxe desta intensa actividade asistencial precisa do sostemento de compoñentes sanguíneos que só é posible obter da doazón de sangue.

Agasallar saúde

A campaña “Doa Sangue. O mellor agasallo” tenta achegar á cidadanía galega a realidade do día a día de moitos enfermos, que precisan dunha doazón de sangue para solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa vida. Neste sentido, o lema da campaña convida aos doantes a “agasallar” con saúde a persoas que precisan da súa solidariedade durante todo o ano, pero especialmente nestas datas.

Ademais, salientar que a participación dos doantes faise especialmente precisa neste período do ano xa que enfermidades como a gripe ou virus respiratorios repercuten nas reservas dos distintos grupos sanguíneos, debido a que estas doenzas impiden a doazón ata a recuperación da persoa afectada.

Facilidades para doar

Co obxectivo de incrementar a participación dos doantes, a ADOS está a realizar un importante esforzo organizativo, aumentando as campañas de doazón neste mes de decembro, cunha importante presenza das unidades móbiles nos barrios das sete grandes cidades galegas e nos concellos cunha elevada taxa de participación.

Desde a Axencia anímase a doar sangue a todos os galegos e galegas, polo que lembra que as unidades móbiles da ADOS efectuarán os seguintes desprazamentos:

DATA

DESPRAZAMENTOS

Martes 9 de decembro

Cedeira, Kimak, Teixeiro (Curtis), Jealsa (Bodión), Muros, Ronda das Fontiñas (Lugo), Quiroga, Barrio Rúa do Paseo (Ourense), Mondariz, Ribadumia e Tomiño

Mércores 10 de decembro

Repsol e Barrio Os Mallos (A Coruña), Muxía, Jealsa (Bodión), Miño, Praza Roja (Santiago), Praza Maior (Lugo), A Cañiza, O Rosal, Zona da Ferraría (Pontevedra) e Barrio do Calvario (Vigo)

Xoves 11 de decembro

Praza de España (Ferrol), Polígono da Grela e Cantón-Obelisco (A Coruña), Cambre, Escurís, Milladoiro (Ames), Viveiro, Barrio Estación (Ourense), Arbo, Rúa Príncipe e Barrio Torrecedeira (Vigo) e Vilanova de Arousa

Venres 12 de decembro

Arteixo, Praza de España (Ferrol), Novo Mesoiro (A Coruña), Noia, Negreira, Chantada, Marín, Redondela, Lalín e Barrio de Teis (Vigo)

Sábado 13 de decembro

Arteixo, Noia, Barrio de Conxo (Santiago), Guitiriz, Marín e Redondela

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Data de actualización: 09/12/2025