Román Rodríguez destaca que a ampliación do Instituto Muralla Romana de Lugo por 1,6 M€ permitirá incrementar en case 900 m² a súa superficie

O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, visita o centro para presentar as obras, que terán un orzamento de preto de 1,6 M€

A actuación ten como obxectivo dar resposta ao incremento da matrícula de FP

Demolerase unha construción de 167 m² para construír un novo edificio con máis capacidade

Lugo, 9 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o proxecto de ampliación do Instituto Muralla Romana, en Lugo, que a Xunta vai licitar este mes por preto de 1,6 M€. O titular do departamento educativo do Goberno destacou na visita ao centro, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias, que esta actuación vao permitir incrementar en case 900 m² a superficie de centro, dando resposta ao seu crecemento nos últimos anos.

“A implantación nos últimos anos de novos ciclos de FP neste centro redundou nun importante incremento da matrícula”, explicou o conselleiro. “Estamos a falar de case 150 alumnos máis, só en ciclos e másteres de FP, en dous cursos, un 16% máis, o que fai necesario crear máis aulas neste centro”, detallou.

Neste sentido, lembrou que, a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Xunta está a ampliar as instalacións dos centros nas zonas que así o precisan, dando resposta tanto á necesidade de prazas nos concellos de maior crecemento como ao éxito da FP, que cada curso incrementa máis a súa matrícula. “Só na área de Lugo este curso contamos con máis de 5.000 matriculados, preto dun 5% máis ca no pasado ano académico”, indicou.

Novo edificio

Para realizar a ampliación será necesario demoler unha edificación de 167 m² para levantar o novo volume, que terá unha superficie total de 892 m², dotado de planta Baixa, primeira e segunda e conectado co edificio existente a través dun corredor en cada unha delas.

O novo edificio contará cunha escaleira para comunicar os tres niveis. A planta baixa estará dotado de dúas aulas de clase, dúas aulas de apoio, un departamento de profesores e unha sala de comunicacións, mentres que a primeira e a segunda terán tres aulas e un departamento de docentes cada unha.

A ampliación mantén a mesma linguaxe arquitectónica que o edificio actual, con fachada de dobre folla de ladrillo con acabado exterior mediante sistema de illamento térmico SATE, a cuberta na zona das aulas será a dúas augas e a conexión entre o edificio existente e o novo resólvese cunha cuberta plana.

Máis de 18M€ en Lugo

Román Rodríguez destacou o investimento que se está a facer na modernización dos centros educativos de Lugo ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que supera os 18 M€ entre as obras rematadas, en marcha e comprometidas. Neste sentido, salientou obras de tanta envergadura como a rehabilitación integral do IES Lucus Augusti (3,3 M€), a central de biomasa da nova mazá educativa (2,1M€), o novo edificio de cociñas do IES Sanxillao (1,8 M€), o de talleres de carpintería do Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo (1,2 M€), ou as rehabilitacións integrais dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (1,5 M€), IES Ánxel Fole (1,4 M€), Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (1 M€) e Colexio Paradai (1 M€).

Entre as obras comprometidas as máis inminentes son a ampliación do IES Muralla Romana e a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe de Nadela (antigo CEIP Manuel Mallo Mallo, 1,4 M€).

Data de actualización: 09/12/2025