Villaverde pon en valor o planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo como espazo único para a formación en navegación

O planetario, pioneiro en España e o segundo construído en Europa, continúa sendo unha ferramenta clave na ensinanza da astronomía náutica

A titular de Mar salienta o papel do IPMPA como centro referente na capacitación marítimo-pesqueira, que forma cada curso entre 350 e 400 alumnos

Galicia reforza o seu compromiso coa formación como garantía de remuda xeracional no sector

Vigo, 9 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe o planetario do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo (IPMPA), unha das instalacións máis singulares e emblemáticas da formación marítimo-pesqueira en Galicia e en España. Durante o percorrido, destacou o enorme valor histórico e pedagóxico deste espazo, pioneiro no Estado e unha referencia desde a súa inauguración en 1966.

A responsable autonómica coñeceu de primeira man o funcionamento desta bóveda celeste de 8 metros, utilizada tradicionalmente para ensinar astronomía náutica, materia esencial para a navegación ata a chegada dos sistemas modernos de posicionamento. A titular de Mar subliñou que, a pesar da irrupción do GPS e doutros dispositivos electrónicos, a formación en navegación astronómica continúa sendo imprescindible, xa que garante que as tripulacións conten con coñecementos de respaldo ante calquera fallo tecnolóxico. “A cultura mariñeira e o saber tradicional seguen tendo plena vixencia, e este planetario é un exemplo vivo diso”, destacou.

Durante a visita, Villaverde puxo en valor o papel do IPMPA como centro de referencia nacional en pesca e navegación, sendo o instituto máis antigo de España dedicado a esta formación. O centro ofrece unha ampla gama de ciclos medios e superiores, cursos non regrados e títulos profesionais que cada curso forman entre 350 e 400 estudantes. As instalacións do instituto inclúen talleres de motores, mecanizado e soldadura, simuladores de navegación e comunicación, ademais dunha residencia para alumnado, o que permite unha formación integral orientada á empregabilidade.

A conselleira do Mar destacou tamén o importante esforzo que realiza a Xunta na capacitación do sector: no último ano incrementouse a oferta de accións formativas, reforzouse o orzamento destinado á formación náutico-pesqueira e potenciouse a coordinación coas entidades do sector para dar resposta ás novas necesidades profesionais.

Excelencia formativa

Villaverde subliñou que a formación é clave para garantir o futuro dun sector que representa arredor do 5 % do PIB galego e do que dependen miles de familias. “Galicia lidera a pesca en Europa e tamén debe liderar a formación no mar. Centros como este reforzan o noso compromiso cunha formación de calidade e coa remuda xeracional necesaria para asegurar o relevo nas tripulacións e empresas do sector”, aseverou. Nesta liña, reiterou o compromiso do Goberno galego en apoiar o IPMPA e o resto de centros da rede autonómica para manter unha oferta formativa moderna, completa e conectada coa realidade do sector marítimo-pesqueiro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 09/12/2025